InicioSociedadeA escola de San Mateo, no rural de Ponteareas, só a un...

A escola de San Mateo, no rural de Ponteareas, só a un neno máis de salvarse

PUBLICADO O

- Advertisement -

A administración autonómica xa fixo público o peche da escola unitaria rural de San Mateo, mais a realidade é que o prazo vai ata o 10 de setembro. No caso de que sexan matriculados 6 nenos ou máis, a escola continuará aberta durante o próximo curso. Polo momento, o seu futuro está no aire, mais os pais e nais afectados agardan poder contar cun chisco de fortuna.

Maximino Martínez é veciño do barrio Chan de San Mateo, en Ponteareas, e pai dunha
nena de seis anos que acudía á escola unitaria: “Dixéronnos que se tiñamos 6 nenos ao comezo do curso a escola seguría aberta. Pero a Xunta xa publicou en tódolos lados o peche da escola. Mentres que nos din unha cousa, están a facer outra”, lamenta.

Aínda hai esperanza, a pesar dos sucesivos anuncios de peche por parte da Xunta: “Temos 3 nenos que xa estaban, e 2 máis xa comprometidos, estamos na procura dun máis como mínimo con varias opcións abertas”. De feito, esperan finalmente incluso superar esa cifra mínima de 6, baremo establecido pola Xunta.

“O que non entendemos nós”, subliña Maximino, “é por que programan o plan “Ruralízate”, que se supón esta pensado para revitalizar o rural, e sacan as escolas infantís das aldeas. Se lle mandas a un neno de 3 anos desprazarse tres quilómetros para escolarizarse, estás facendo que abandone o rural”.

San Mateo, escola no rural/ Concello de Ponteareas

A xente non se vai establecer no rural se non ten servizos, se quitan a escola, os médicos… Nós cremos que recupera-lo rural si é posible, se se poñen os medios e a vontade precisos. O que non podes é vender unha cousa e facer outra”, destacou.

“Loitaremos ata o final”, asegura Maximino, que o ten claro: “Para eles, o ideal é pechar a escola”. Polo tanto, fai un chamamento a tódolos pobos e aldeas de Ponteareas e dos arredores, para que se solidaricen, para que os pais e nais aposten por este modelo de ensinanza, “que demostrou ser moi superior, non é o mesmo dar clase a 25 que a 10”.

Ademais, “as instalacións da escola de San Mateo están mellor que nunca, posto que investiuse e se renovaron hai pouco”. Que se pense en abandonar unhas instalacións novas “non é tan curioso”, lamenta, sabendo que a escola unitaria de San Mateo pertence ao Concello e non á Xunta, polo diferente signo político. De tódolos xeitos, esperan acadar o seu obxectivo e salvar a escola.

En caso contrario, a filla de Maximino terá que desprazarse ao centro urbano, ata o CEIP Ramiro Sabell. Loitará ata o final para que non ocorra, posto que aprecia este tipo de ensinanza e tamén o valor do rural en si: “Temos unha tranquilidade e moita máis liberdade que nos centros urbanos. Temos terreos nos que os nosos pequenos e pequenas poden xogar e entrar en contacto coa natureza, e penso que é máis sana a vida no rural, tanto física como psicoloxicamente. Non podemos potenciar só a vida nos centros urbanos, porque a vida nas parroquias tamén debe existir”.

San Mateo, escola no rural/ Concello de Ponteareas

Teñen o apoio das asociacións veciñais, culturais, comunidade de montes, Fundación Zúñiga… E lembra que “hoxe é a escola de San Mateo, o ano pasado a de Ganade… temos que tentar que o rural non quede sen servizos. E un dos servizos imprescindibles para que o rural siga vivo é a oferta educativa. Unha vez que se permite o peche dunha escola, xa non volve abrir”.

Á Xunta, lémbralle que “a Educación, a Sanidade e outros servizos básicos non se poden medir con parámetros numéricos. A natalidade non é algo que sexa estable e siga a mesma liña ascendente ou descendente”.

Begoña García Castro, veciña do barrio de Valdoeido, é nai doutra alumna da aula unitaria de San Mateo que neste curso escolar, para o que xa queda pouco, pode pechar as súas portas, obrigándoa a trasladarse e cursar sexto de infantil ao CEIP Ramiro Sabell.

Begoña e o resto das nais e pais da escola de San Mateo pediron á Xunta que incorporara
primeiro e segundo de primaria, ao igual que se fai noutras aulas unitarias de Galicia, e así
manter a matrícula e brindar ao alumando a oportunidade de medrar un par de anos máis
nesta escola, pero recibiron a súa negativa.

Begoña García Castro, coa súa filla/ Concello de Ponteareas

Begoña asegura que a súa filla avanza moito máis nun centro no que a atención é personalizada e no que se realizan moitas saídas para coñecer os arredores. Contenta co horario de 9 a 14 horas e acostumada a ter a súa filla preto do fogar, Begoña non se conforma e pensa que as escolas no rural deben seguir abertas e incluso mellorar ano tras ano.

“É difícil ter unha escola aberta se non hai alumnos, pero co compromiso das nais e pais de matricular aos seus fillos no vindeiro curso escolar e coa incorporación de primeiro e segundo de primaria xa sería suficiente para conseguir as cifras que necesitan os baremos da Xunta”, selou.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- O gran showman de Vigo

Aos seus 77 anos en Vigo existe un showman ao cal, despois de varias...

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Vigo “mostrou a súa forza” no concerto reivindicativo do AVE directo a Madrid, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballlero, asegurou este mércores que a cidade "mostrou a...