Como e cando chegou o eucalipto a Galicia? Ninguén tiña unha resposta contundente a esta pregunta até o de agora. Porén, Francisco Javier Silva Pando, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, e Rubén Pino Pérez, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo, sosteñen agora que a primeira plantación coñecida en Galicia estivo en Santa Marta de Ortigueira (A Coruña), arredor de 1850, isto é, antes de que o misioneiro Frai Rosendo Salvado (Tui, 1 de marzo de 1814 – Roma, 29 de decembro de 1900) enviase sementes dende Australia, a partir de 1868.
A creencia até agora era que o clérigo galego fora quen introducira o eucalipto en Galicia, pero esta hipótese é refutada por Silva e Pino no artigo científico ‘Introduction of Eucalyptus into Europe’, publicado na revista Australian Forestry, do Institute of Foresters of Australia.
“A introdución do eucalipto en Galicia e noutras partes de España tamén foi obxecto de grandes discusións”, lembran os autores do estudo, que atoparon unha nova pista durante a preparación dun artigo sobre o botánico danés Johan Lange (1818-1898), que recollía plantas en Galicia en 1852.
“Atopamos algunhas cartas na súa correspondencia co naturalista galego Victor López Seoane (1832-1900) que se referían ao eucalipto; isto espertou o noso interese en determinar que plántulas e plantacións foran as primeiras que se estableceron en Galicia e noutras partes de España”, explican os investigadores.
Logo, foron pasando polas súas mans moitos artigos e documentos históricos, minuciosamente examinados polos científicos galegos, até compoñer unha “cronoloxía fiable” da introdución do eucalipto en Europa e, máis detalladamente, en Galicia. A primeira plantación de eucalipto coñecida en Galicia estivo en Santa Marta de Ortigueira (A Coruña), arredor de 1850. Con todo, “a orixe destas sementes é incerta”.
CHEGADA A EUROPA
O exame de documentos históricos e investigacións levadas a cabo en diferentes países de Europa levaron a Silva e Pino a comprobar que “o primeiro eucalipto en Europa (Eucalyptus obliqua) foi plantado nos invernadoiros do Real Xardín Botánico de Kew [Inglaterra], en 1774, a partir de sementes doadas polo capitán Tobias Furneaux, mentres que o primeiro eucalipto (Eucalyptus robusta) plantado ao aire libre foi no Xardín Inglés do Palacio Real de Caserta (Italia) en 1792, por Johann Andreas Graefer, probablemente coas sementes doadas por Sir Joseph Banks”.
Así, os investigadores galegos refutan a hipótese de que as sementes de eucalipto foran recollidas en Timor e introducidas en Europa na década de 1520 por exploradores portugueses e holandeses. “Nese caso, a especie probablemente tería sido Eucalyptus alba Reinw. Ex Blume, E. deglupta Blume o E. urophylla S.T. Blake, pero tales afirmacións non teñen base documental ou científica”, aclaran.
Silva e Pino apuntan aos botánicos Joseph Banks e Daniel Solander como os responsables de recoller e traer os primeros exemplares de Eucalyptus a Europa, tras acompañar ao capitán James Cook na viaxe inaugural do Endeavour en 1770, “pero a maioría desas coleccións nunca foron publicadas.
Logo, baseándose nas distintas mostras recollidas por Banks e Soldander, Joseph Gaertner describiu varias especies novas en 1778, “pero baixo un xénero diferente, a saber, E. gummifera (Sol. Ex Gaertner) Hochr (= Metrosideros gummifera Sol. Ex Gaertner) y E. zebra F Muell. (= M. salicifolia Sol. Ex Gaertner, no E. salicifolia Cav.)”, especifican os científicos galegos.
E xa en 1788, o xénero Eucalyptus foi descrito por Charles L’Héritier de Brutelle baseándose nun exemplar de E. obliqua recollido por David Nelson en Adventure Bay, na Illa de Bruny, Australia, o 26 de xaneiro de 1777, segundo constataron Silva e Pino.
INTRODUCIÓN EN GALICIA
O traballo dos investigadores galegos confirma tamén a hipótese de que os eucaliptos foron inroducidos en España e Galicia antes de que Frai Rosendo Salvado comezase a enviar sementes dende Australia.
Así, Silva e Pino calculan que a primeira plantación de eucalipto coñecida en Galicia estivo en Santa Marta de Ortigueira (A Coruña), arredor de 1850. Con todo, “a orixe destas sementes é incerta”, recoñecen os científicos.
“Foron probablemente Eucalyptus globulus ou E. obliqua”, mentres que “a especie introducida a partir de 1868 a través dos envíos de Salvado foi E. marginata, que é abundante no sur de Australia Occidental, onde vivía o monxe benedictino galego”, expoñen Silva e Pindo no seu traballo de investigación.
Con todo, recoñecen que “ao examinar a literatura sobre a introdución do eucalipto en España e noutras partes de Europa, a data exacta segue sendo incerta“, por iso o ano 1850 non ten por que ser exacto para datar a chegada desta árbore a Galicia, pero si aproximada.
Para chegar ás súas conclusións, Silva e Pino utilizaron dous tipos de documentos fonte. En primeiro lugar, libros e artigos nos que se fai referencia ou se menciona a presenza do eucalipto en Europa dentro dun ámbito máis amplio, e a segunda fonte foi documentación sen publicar. Inclúense o diario de Frai Rosendo Salvado, fundador da misión benedictina en Nova Norcia (Perth, Australia); e a correspondencia recollida por Víctor López Seoane.
Silva e Pino constatan que “a primeira entrada sobre Eucalyptus no diario de Salvado é en setembro de 1867 e refírse a un pedido de sementes de Eucalyptus marginata para un comerciante de Vigo”.
Os investigadores galegos tamén encontraron anotacións de Salvado que indican que en abril de 1868 non había sementes de eucalipto para a venda en Madrid, que se vendían a un prezo de 8 reais por cada 180 sementes, e tamén que en maio dese mesmo ano, finalmente, recibiu as sementes en Huesca nunha das súas viaxes de regreso a Europa.
En xullo dese mesmo ano tamén recibiu un importante envío de sementes do clérigo Rafaelle Martelli dende Nova Norcia, Australia.Entre a documentación, os investigadores tamén descubriron que o 3 de xaneiro de 1885, o catedrático de Medicina Victoriano Comesaña Salvado escribiu desde Santiago de Compostela a Frai Rosendo Salvado, que nese momento se atopaba na Abadía de Montserrat (Barcelona), indicándolle unha dirección en Carril (Vilagarcia de Arousa) para enviar as sementes de eucalipto.
O 19 de decembro de 1885, notificóuselle que o pai Santos Salvado da Guarda recibira as sementes de eucalipto e entregáballas a Manolo Maceira, porque Nicolás Salgado non tiña terra para sementar. Noutra carta datada o 13 de febreiro de 1886, pedíalle máis sementes, dado o interese suscitado entre máis xente pola nova especie. O 4 de abril de 1886, Victoriano Comesaña Salvado informou a Frai Rosendo Salvado que o último envío de sementes fora distribuído entre membros da sociedade civil, centros agrícolas e provinciais e as Deputacións de Galicia e Asturias.
O 21 de outubro de 1886, Santos Salvado pasou unha solicitude de sementes de eucalipto de Joaquín Alonso, propietario do mosteiro de Oia (Pontevedra). E o 1 de xaneiro de 1890, o irmán de Rosendo Salvado confirmou que foran plantados en Salcidos (A Guarda), pero tres anos despois estaban nun estado lamentable, segundo recollen Silva e Pino na súa investigación.
Os autores do estudo confirman ademais que a madeira de eucalipto alcanzou por entón unha “gran reputación”, tanta, que “en xullo de 1895 Juan Areal Barros, secretario do Concello de Ponte Caldelas (Pontevedra) solicitou información a Frai Rosendo Salvado sobre esta madeira que se estaba facendo tan popular para a construción.
Así, “as solicitudes de novas sementes continuaron sen cesar case ata a morte de Salvado en 1900”.Así pois, e tras examinar minuciosamente toda a correspondencia de Salvado e parte dos seus diarios, os dous investigadores obervaron que “non se mencionan sementes de eucalipto antes de 1867, o que nos leva a considerar que os primeiros eucaliptos en Galicia non foron importados ou subministrados por Salvado, calquera que fosen”.
Unha das cousas que máis chamou a atención de Silva e Pino foi que “a única especie mencionada na correspondencia de Salvado é o E. marginata”, ademais das “dificultades mencionadas na súa correspondencia para obter sementes viables e asegurar o seu posterior cultivo en Galicia”.
Unha carta de Salvado datada o 21 de xaneiro de 1890 sinala que “as sementes que enviou S. [Salvado] hai 3 anos, que foron plantadas en Salcidos, non creceron, aínda que brotaron moitas plántulas, só 6 están vivas pero nun estado lamentable: parece que o clima de Salcidos non é bo para elas…”.
De todo o anterior, os dous investigadores deducen que “Salvado comezou a enviar sementes durante a súa estadía en Europa entre 1867 e 1868, a petición de varios terratenentes galegos” e, polo tanto, non foi quen introduciu o eucalipto en Galicia, se ben é certo que foi un actor determinante.
Por outro lado, sobre a correspondencia privada de Victor López Seoane, Silva e Pino din deducir “con seguridade” que exemplares de eucalipto xa foran plantados na década de 1860 en Galicia.
De toda esa correspondencia, os investigadores destacan unha carta clave selada en Santa Marta de Ortigueira o 13 de setembro de 1876, na que Mariano de la Paz Graells lle menciona un exemplar de eucalipto plantado en Ortigueira e cunhas dimensións duns 40 metros de alto e 1,33 metros de circunferencia.
Pero as referencias nesta misiva ao eucalipto esténdense a Cabanas, Viveiro, Barqueiro, A Coruña, Pontevedra e probablemente tamén Santiago de Compostela. O parágrafo de Graells, reproducido por Silva e Pino no seu estudo, di así:E para min … a túa noticia sobre o eucalipto que estás a facer crecer alí co señor Joaquín Romeu, (que ten unhas magníficas árbores) dime que che deu as sementes. Deben crecer ben en Cabanas [onde López Seoane posúe unha casa] como as vin aquí [Santa Marta de Ortigueira] cunha circunferencia de 1 m 33 cm e unha altura de 40 m quizais [itálicas engadidas]. Por favor, cónteme todo o que poida sobre esta árbore en Galicia, onde a vin en Viveiro, San Marta, Barqueiro, Coruña, Sgo. [Santiago?], Pontevedra.
Con eses datos, Silva e Pino calcularon que a árbore de Ortigueira da que fala Graells debería ter por entón arredor duns 25 anos, é dicir, dataría de 1850, máis ou menos, isto é, unha década antes das referencias que se tiñan sobre eucaliptos plantados en Galicia, o cal situaría o exemplar de Santa Marta de Ortigueira como o primeiro eucalipto en Galicia do que se ten constancia.
PROCEDENCIA
Polo que respecta á orixe das sementes utilizadas para as primeiras plantacións galegas, Silva e Pino desbotan que puidesen vir dos Xardíns Botánicos de Melbourne, cando Ferdinand von Mueller foi director deste centro, como se ten especulado, xa que este “subministrou sementes a varios países europeos a partir de 1857, incluíndo algunhas sobre as cales existen probas escritas que chegaron a Galicia en anos posteriores”.
Así, Silva e Pino descartan “definitivamente” a idea de que os primeiros exemplares galegos proviñan do cargamento do botánico e comerciante francés Prosper Ramel, xa que este viaxou a Australia en 1854 e enviou sementes do Xardín Botánico de Melbourne a Francia en 1856, 1857 e 1860.
Porén, non decartan a posibilidade de que “viñesen do mesmo lote que os utilizados polo Barón de Massarelos” (Portugal), xa que “as datas de plantación case coinciden”, argúen. O certo é que, como salientan os investigadores, tense indicios de que os primeiros eucaliptos no país veciño foron plantados ao sur de Vila Nova da Gaia (norte de Portugal) en 1829 e están considerados a primeira plantación para a produción de madeira de eucalipto en Europa.
Posteriormente, en 1852, o Barón de Massarelos reforestou a súa leira local, Quinta da Formiga, coas especies Eucalyptus globulus, E. obliqua, E. viminalis y E. linearis, das cales aínda hoxe perviven algúns exemplares.
“Ademais, considérase que as importacións subseguintes de sementes proveñen de diferentes fontes —Australia e Portugal— con boas taxas de crecemento e produción de sementes a idades temperás, e tiveron máis éxito que as sementes de E. marginata subministradas por Salvado”, detallan os científicos.
Finalmente, a hipótese da chegada de sementes a través da costa cantábrica considérana “factible, aínda que indocumentada, polo menos nas primeiras etapas de introdución do eucalipto”.Pero se a orixe segue sendo un misterio, tamén o é o tipo de especies utilizadas na plantación de Santa Marta de Ortigueira, aínda que Silva e Pino cren “moi probable” que fosen E. globulus ou E. obliqua.
“En calquera caso, foi desde o momento en que von Mueller comezou a enviar sementes dende Melbourne a outros xardíns botánicos e gobernos que a propagación de eucaliptos en todo o mundo se intensificou.
Ata entón, a expansión dos eucaliptos fora algo limitada e feita principalmente por individuos, potenciada polo impacto que a exhibición dun par de exemplares de E. globulus tivera na Exposición Universal de Londres en 1851″, conclúen os dous investigadores.
Na cronoloxía elaborada polos científicos galegos sobre a introdución do eucalipto en Europa —e noutros puntos do planeta— aportan 31 referencias claves, entre os anos 1774 e 1868, das cales cinco pertencen a Galicia: a xa mencionada de Santa Marta de Ortigueira (arredor de 1850), Pontevedra (1865), Ribeiras do Sor (1867), Rubiáns (1867) e Vigo (1868).