InicioMedio Ambiente e PatrimonioO ADN revela a identidade das baleas que se cazaban na Galicia...

O ADN revela a identidade das baleas que se cazaban na Galicia medieval

Publícase o primeiro estudo molecular para identificar cales foron as especies que constituían as capturas principais dos baleeiros en augas galegas e de todo o Cantábrico hai máis de 400 anos. As análises revelan que a balea franca foi o principal obxectivo dos primeiros cazadores e suxiren que a caza directa puido ter desempeñado un papel importante na extinción da especie nestas augas.

PUBLICADO O

Eubalaena glacialis, as baleas francas do Atlántico norte —tamén coñecidas como a balea dos vascos— foron o obxectivo principal da caza de baleas entre os séculos XIII e XVIII en Galicia e todo o mar Cantábrico.

Esta é a principal conclusión dun estudo molecular realizado por científicos do CIIMAR (Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental da Universidade do Porto), do Centro de Xeoxenética no Museo de Historia Natural de Dinamarca, do Consello Internacional para a Exploración do Mar (Copenhague, Dinamarca) e da CEMMA – Coordinadora para o Estudo dos Mamiferos Mariños (Nigrán, Galicia). Os investigadores identificaron, ademais, un novo haplotipo histórico de balea cincenta.

Mostra de óso de balea procedentes da caza antiga (época medieval e moderna, entre os séculos XIII-XVIII), recollidas no proxecto 'Galicia no lombo da balea'
Mostra de óso de balea procedentes da caza antiga (época medieval e moderna, entre os séculos XIII-XVIII), recollida no proxecto ‘Galicia no lombo da balea’ / CEMMA.

Durante milenios, as baleas foron usadas como recurso, inicialmente dun xeito oportunista, mediante o aproveitamento de animais varados nas praias e, posteriormente, mediante caza activa como recurso alimenticio (consumo de carne), enerxético (uso da graxa como combustible) ou funcional (utensilios de óso, barbas, tendóns, etc).

Os vascos, de Iparralde e Hegoalde, foron pioneiros na caza comercial de baleas primeiro no Cantábrico (s. XI) e despois en toda a costa atlántica Ibérica, así como nos territorios transoceánicos de Terranova e Labrador (s. XIII a XVI).

Considérase que a balea franca do Atlántico Norte (Eubalaena glacialis), ou balea vasca, foi a principal especie obxectivo das flotas baleeiras neses séculos, aínda que outras especies de baleas poderían ser tamén obxectivos ocasionais.

ESTUDO XENÉTICO

No ano 2014, a CEMMA puxo en marcha o proxecto ‘Galicia no lombo da balea’, financiado polo GALP-7 Ría de Vigo-A Guarda, que incluía un estudo baseado na búsqueda e recollida de mostras de ósos de baleas procedentes da caza antiga (época medieval e moderna, entre os séculos XIII-XVIII), para identificar as principais especies obxectivo no Cantábrico.

Mostra de óso de balea procedentes da caza antiga (época medieval e moderna, entre os séculos XIII-XVIII), recollidas no proxecto 'Galicia no lombo da balea'
Un buceador mergullado na procura das pezas / CEMMA

Un total de 527 mostras de ósos de baleas foron localizadas e recollidas en museos, coleccións privadas e nas campañas de mostraxe subacuática, labor coordinada por Jose Antonio Martínez Cedeira, biólogo, mergullador e presidente da CEMMA, durante a primavera e verán de 2014.

Dese universo mostral foi seleccionado un subconxunto de 72 mostras, representativas de todos os portos mostrexados, para proceder a un estudo xenético que desvelase que especies foron o principal obxecto da caza na época da caza antiga. Probablemente, algúns deses ósos, procedentes de baleas mortas hai máis de 400 anos, foron depositados baixo o mar. Aínda así, foi obtido o ADN de case todos eles.

Mostras de ósos de balea procedentes da caza antiga (época medieval e moderna, entre os séculos XIII-XVIII), recollidas no proxecto 'Galicia no lombo da balea'
Tratamento dos xacementos / CEMMA.

extracción de ADN e análise xenético foi realizado por Alba Rey e Paula Campos, do CIIMAR, Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental, Universidade do Porto; e o Centro de Xeoxenética no Museo de Historia Natural de Dinamarca, da Universidade de Copenhague, unha institución especializada en estudos xenéticos a partir de mostras potencialmente degradadas, como estas de orixe arqueolóxico, e que son particularmente delicadas.

Ademais, contouse coa contribución neste traballo dos especialistas en mamíferos mariños Ruth Fernández e Alfredo López.

TRES ESPECIES DIFERENTES

O resultado permitiu obter ADN do 97,2% das mostras e identificar tres especies diferentes: 68 mostras de balea franca do Atlántico Norte (Eubalaena glacialis), unha mostra de balea cincenta (Eschrichtius robustus), e outra de balea xibarte (Megaptera novaeangliae).

Dentro da balea franca identificáronse nove haplotipos diferentes da rexión de control do ADN mitocondrial. Baseado en haplotipos e localización xeográfica, o número mínimo ofrece un resultado 27 exemplares de balea franca, mais, cando se corrixe polo tipo de óso, o número aumentou 48 individuos de balea franca, ademais dos exemplares de balea cincenta e xibarte

Este estudo aporta novas secuencias de ADN mitocondrial dos 48 individuos únicos de balea franca do Atlántico Norte. Ademais, a secuencia de balea cincenta obtida constitúe un novo haplotipo, en comparación con outras secuencias publicadas desta especie de baleas. Esta nova información xenética esta a disposición de futuros estudos científico en bases de datos de libre acceso.

Os resultados confirman que a balea franca do Atlántico Norte foi a principal especie obxectivo nas costas Ibéricas, suxerindo que a caza directa podería ter desempeñado un papel importante na extinción da especie.

Mostras de ósos de balea procedentes da caza antiga (época medieval e moderna, entre os séculos XIII-XVIII), recollidas no proxecto 'Galicia no lombo da balea'
Unha nova descuberta / CEMMA

O estudo realizado confirma o potencial deste tipo de material e a necesidade de levar a cabo novas campañas de mostraxe arqueolóxica subacuática, ademais de continuar analizando o material de coleccións para caracterizar xeneticamente as baleas cazadas tanto na época da caza antiga (s. XIII-XVIII) como na época da caza contemporánea (s. XX), no último período baleeiro en Galicia.

Tamén remarca o potencial deste material para inferir a diversidade xenética previa ao inicio da caza baleeira nestas poboacións.

O estudo, titulado ‘The genetic history of whaling in the Cantabrian Sea during the 13th–18th centuries: Were North Atlantic right whales (Eubalaena glacialis) the main target species?’, publícase no Journal of Archaeological Science: Report.

AGRADECEMENTOS

Os investigadores da CEMMA agradecen a súa colaboración ao Museo Massó (Bueu), Museo da Natureza SGHN (Ferrol), Museo Provincian do Mar (San Cibrao), Museo Marítimo de Asturias (Luanco), Museo Acuario Centro de Experimentación Pesquera de Asturias (Gijón), a Asociación Mariña Patrimonio e coleccionistas privados que permitiron recoller mostras das súas coleccións, ao CAS Costa Lugo, Estación de Bioloxía Mariña da Graña-Universidade Santiago de Compostela, ADEGA e voluntariado da CEMMA por participar nas campañas de mostraxe subacuática, e ao Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro-GALP Vigo-A Guarda que financiou o traballo de localización e recollida de mostras.

 

ÚLTIMAS

Detido un home pola súa suposta vinculación co crime da maleta

A Policía Nacional detivo na mañá deste venres a un home pola súa presunta vinculación co...

Vigo rexeita o “caciquismo” do PP na deputación ao “censurar” a relatoras por “causas políticas”

O pleno de Vigo aprobou este venres, cos votos do PSOE e do BNG, unha...

O PPdeG anuncia a “reconstrución” do partido en Vigo “coas mans libres” dos militantes

A xunta xestora do PP de Vigo, presidida por Ana Ortiz, presentouse este mércores formalmente...

Seis adultos e tres nenos quedan atrapados no ascensor Halo, inaugurado o pasado 16 de febrero

Nove persoas, seis adultos e tres nenos, quedáronse atrapados no ascensor Halo de Vigo,...