As Illas Ons, espazo conformado por dúas illas e sete illotes, situado na boca da ría de Pontevedra e cunha superficie de menos de 4.500 quilómetros cadrados. Unha illa que é, agora, o novo centro da polémica entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
A Xunta de Galicia pretende que a Unesco recoñeza esta illa como Patrimonio da Humanidade xunto coas Illas Cíes, a Illa de Sálvora e a Illa de Cortegada, xa que todas xuntas conforman o chamado Parque Nacional das Illas Atlánticas. Unha candidatura que presentou no 2017, catroa nos despois da presentada polo Concello de Vigo.
O problema é que Caballero presentou só ás Cíes polo que considera que a iniciativa da Xunta é “unha chapuza”, unha “improvisación” e unha intromisión intolerable “contra a cidade de Vigo”.
A esta disputa, que leva anos nos medios de comunicación, sumouse esta semana a Asociación de Veciños das Illas Ons, que di estar moi descontenta coa aprobación, en decembro de 2018, do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) por parte da Xunta de Galicia.
O PRUX, segundo manifestou desde un inicio o propio Feijóo, é un instrumento que reúne unha serie de directrices “fundamentais” para a conservación do Parque das Illas Atlánticas durante a próxima década co obxectivo último de que a Unesco acabe por declaralo Patrimonio da Humanidade. Entre esas directrices está a limitación de acceso a todas as illas, unha limitación que no caso de Ons é de 1.300 persoas diarias, a cal, ante a puxanza do turismo en Galicia, supón que os barcos de liña viaxen repletos cada día na época estival.
Sucede que as Illas Ons non son como as demais, basicamente porque están habitadas por familias de pescadores que levan asentadas alí máis de 200 anos –aínda que agora os seus descendentes viven en Bueu–, e as limitacións do PRUX, din os insulares, impídenlles acceder libremente ás súas propias casas. Unhas acusacións que a Xunta nega con rotundidade, pois alega que se puxeron a disposición dos habitantes das illas uns carnés cuxa soa presentación lles franquea o paso ao barco.
“QUE VAN FACER CON NÓS?”
“Se sae o de Patrimonio da Humanidade, unha das condicións é que a illa non pode estar habitada. Entón, que van facer connosco? Por que non nolo din?”, contou a Efe María José Pérez, portavoz da Plataforma Veciños de Ons, quen asegurou que “Ons nunca, xamais, vai ser Patrimonio da Humanidade”.
Os habitantes de Ons, fartos de que as súas reivindicacións sexan ignoradas, acudiron ao principal inimigo de Feijóo e buscaron un altofalante en Caballero, que esta semana recibiu a 70 deles no Concello de Vigo. Tras a reunión, Caballero manifestou que “a candidatura e a gran mentira de Feijóo están absolutamente liquidadas”, e que “canto antes retire a candidatura menos durará o ridículo”.
“O principal requisito para ser Patrimonio da Humanidade é que os habitantes queiran”, espetou Caballero, “e os habitantes de Ons non queren porque lles rompen o seu modo tradicional de vida“. Con todo para a Xunta, que esixe a Caballero “responsabilidade institucional”, o alcalde xogou sucio e fixo unha “evidente utilización política” dos veciños de Ons.
CRÍTICAS DA XUNTA
Segundo a Consellería de Medio Ambiente, as declaracións de Caballero “demostran que recibiu aos veciños de Ons para xogar coa suposta defensa dos seus dereitos e alimentar a súa campaña para que só Vigo e as Illas Cíes se beneficien dunha posible declaración por parte da Unesco”.
Os veciños, con todo, negan a maior: “Fomos nós, os veciños, os que, ante a imposibilidade de que a Xunta se puxese en contacto connosco, tocamos ao alcalde de Vigo”, replica Pérez.
Caballero vai máis aló: na súa opinión, a Xunta enganou “de forma terrible” coa súa “contracandidatura” ao Goberno de España e aos presidentes de todas as comunidades autónomas ao ocultar o rexeitamento dos habitantes de Ons a ser parte desa candidatura conxunta de todas as illas, as cales, ademais, “non teñen unicidade xeolóxica”.
O cruzamento de reproches continúa e, de momento, nada indica que vaia a deixar de ser así. As Illas Ons, un pequeno territorio que protexe á costa pontevedresa do azoute dos temporais invernais, converteuse ela mesma nunha tormenta que sobrevoa a política galega e que ten enfrontadas ás administracións ante a mirada atenta dos cidadáns, que unicamente esperan que o temporal acabe por amainar.