InicioMedio Ambiente e PatrimonioDetectan unha "prevalencia significativa" do virus da hepatite E en moluscos da...

Detectan unha “prevalencia significativa” do virus da hepatite E en moluscos da ría de Vigo

Científicos galegos e portuguesas alertan da presenza do virus da hepatite E en mexillóns, ameixas e berberechos, cuxa fonte de infección poderían ser granxas porcinas próximas. Advirten de que estes poden transmitir a enfermidade aos humanos que os consomen.

PUBLICADO O

- Advertisement -

INFORMACIÓN COMPLETA EN GALICIA CONFIDENCIAL

A hepatite E é unha enfermidade hepática que afecta a uns 20 millóns de persoas cada ano no mundo, causando 3,3 millóns de lesións hepáticas agudas, arredor de 56.000 mortes e enormes perdas económicas relacionadas coa atención médica, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS).

O organismo de Nacións Unidas sinala a vía fecal-oral como a principal canle de transmisión do virus da hepatite E (VHE), polo consumo de auga contaminada por feces. Pero existen outras vías de transmisión, como a inxesta de carne ou produtos cárnicos pouco cociñados derivados de animais infectados (como o fígado de porco), a transfusión de hemoderivados infectados e a transmisión maternofetal. Agora, científicos galegos e portugueses sinalan os moluscos bivalvos das rías galegas como potenciais transmisores do virus.

Os investigadores analizaron 168 mostras de mexillóns, ameixas e berberechos das rías de Ares-Betanzos e Vigo. “Os resultados obtidos demostran unha prevalencia significativa do virus da hepatite E en moluscos bivalvos de rías galegas, o que reforza a hipótese de que os moluscos poden ser unha potencial ruta para a súa transmisión a humanos”, afirman os científicos.

Sábese que existen, polo menos, catro xenotipos deste virus: o 1 e o 2 só se atoparon no ser humano, mentres que o 3 e o 4 circulan en varios animais (entre eles os porcos, os xabaríns e os cervos) sen causarlles enfermidade, e infectan ocasionalmente o ser humano. Nas mostras analizadas de moluscos das rías detectouse o xenotipo 3 e “estaban estreitamente relacionados coas cepas do subxenotivo E, que é de orixe porcina”.

Polo tanto, existen indicios de que os moluscos estarían sendo contaminados desde granxas de porcos, converténdose estes bivalvos nun elo máis na potencial transmisión do virus aos humanos.

“A evidencia obtida neste traballo reforza a idea de que as granxas porcinas teñen unha forte influencia na aparición da contaminación polo virus da hepatite E, especialmente na ría de Vigo”, onde se atoparon máis mostras infectadas, clarifican os autores.

Precisamente é na comarca viguesa onde se contabilizan máis exemplares de porcos preto dos puntos onde se tomaron as mostras de moluscos analizados, case seis veces máis que os que se crían en granxas porcinas ao redor da ría de Ares-Betanzos.

O VHE detectouse até no 24,4 % das mostras analizadas, en conxunto. En concreto, na ría de Ares-Betanzos confirmouse unha prevalencia do 20 %, mentres que na de Vigo os exemplares da mostra analizada infectados foron o 29,4 %.

Os científicos alertan de que os procesos de depuración aos que se someten os moluscos destinados ao consumo humano “non son completamente efectivos para a eliminación viral”, de xeito que “poden ser unha ruta potencial para a transmisión do virus da hepatite E a humanos”.

INFORMACIÓN COMPLETA EN GALICIA CONFIDENCIAL

ÚLTIMAS

Ordenan prisión para o home que quixo queimar a casa da súa exmuller en Tomiño coa súa filla dentro

O xulgado de instrución número 1 de Tui acordou o ingreso en prisión provisional,...

Arremeten contra unha xornalista no terceiro intento de desaloxo da casa ocupada na rúa Pardavila

Unha muller que estaba a ser desaloxada dunha casa ocupada desde hai anos en...

A Asociación de Dano Cerebral Alento preparará a tortilla máis grande da historia de Vigo” polo seu 25 aniversario

A Asociación de Dano Cerebral Alento elaborará este sábado a tortilla "máis grande da...

O BNG levará unha moción ao Pleno de Vigo para pedir a condena das “accións genocidas” de Israel en Gaza

O grupo municipal do BNG no Concello de Vigo levará unha moción para o...