InicioMedio Ambiente e PatrimonioO monte convertido nun vertedoiro de flotadores de bateas

O monte convertido nun vertedoiro de flotadores de bateas

Varias estruturas de aceiro e poliéster utilizadas para soportar as bateas da ría foron ciscadas no monte de San Lourenzo, en Moaña.

PUBLICADO O

Non é raro atoparse nos montes de Galicia, como parte da paisaxe, vertedoiros de residuos e de todo tipo de materiais que supoñen riscos para os ecosistemas e afean a natureza. Un caso máis de uso irresponsable do monte como vertedoiro, tan típico en Galicia, atópase no concello de Moaña, no monte de San Lourenzo, onde foron ciscados varios flotadores cilíndricos de ferro usados para soportar as bateas que se instalan na ría.

Estas estruturas, deterioradas e oxidadas na súa maioría, atópanse ao carón do Camiño da Cancela, preto do cruzamento que conduce ao Club de Golf Ría de Vigo e ao Chan da Arquiña. Alí foron abandonados arredor dunha quincena de flotadores, ao carón dun cartel da Xunta de “vedado de caza”, nunha paraxe dominada por eucaliptos pero onde subsisten tamén especies arbóreas autóctonas.

Outro flotador de aceiro e poliéster, en mellores condicións, atópase tamén aquí, convertido nunha sorte de caseta con porta e fechadura; un exemplo do feísmo que inunda Galicia.

Segundo veciños do lugar, cren que os terreos son responsabilidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Domaio e os enormes flotadores oxidados foron depositados alí por bateeiros da zona.

Porén, o presidente da Comunidade de Montes afirmou a este xornal que se trata dun “terreo privado dun paisano que ten unhas bateas e que sabe que non os pode ter alí”, os flotadores de ferro. Segundo Juan Santos Gómez, de ter sido un vertedoiro en terreos comunais, “seguro que xa nos tiñan denunciado do Seprona ou de Medio Ambiente”.

Santos recoñece que na organización comunal están ao tanto da existencia deses flotadores no monte, pero di descoñecer se foi ou non denunciado ou se o propietario foi advertido polas autoridades.

Os flotadores utilizados para soportar as bateas son estruturas tubulares de 4 x 2 metros, feitas normalmente de aceiro (antigamente eran de madeira) e recubertos de poliéster ou fibra de vidrio, ou reenchidos con poliéster expandido que, ciscados desta maneira no monte, teñen un impacto medioambiental e paisaxístico negativo.

UN PROBLEMA TAMÉN PARA O MAR

Un recente estudo científico afirma que as bateas son unha posible fonte de contaminación por microplásticos nas rías galegas.

Investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo publicaron os resultados dun estudo no que analizaron a presenza de microplásticos en aves mariñas, concretamente, na colonia de cría de corvos mariños cristados na illa de Ons, que forma parte do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia.

No estudo foron analizadas as bólas formadas por restos de alimentos non dixeridos e regurxitados polas aves, coñecidas como egagrópilas. Nunha mostra de 41 bolas inxeridas e devoltas polos corvos mariños cristados, os científicos atoparon fibras microplásticas no 63% dos gránulos vomitados por estas aves, “o que suxire que este tipo de contaminación plástica prevalece na área de estudo”, salientan.

A hipótese que manexan os científicos é que parte deles proceden dos aparellos que se utilizan nas bateas para o cultivo do mexillón.

O certo é que o uso do plástico está moi estendido nas bateas, xa que, por exemplo, o poliéster se utiliza para recubrir os flotadores de aceiro que soportan estas estruturas, e da armazón de madeira cólganse cordas de nailon de tres centímetros de grosor e de dez a doce metros de longo, onde se engorda o mexillón. En cada corda colócanse barras de plástico –cada vez máis común, fronte as de madeira– de 20-30 centímetros, para evitar que a semente de desprenda polo seu propio peso cando creza.

“Os plásticos (incluído o nailon) utilizados para colgar cordas e outras actividades relacionadas co cultivo de mexillón poden ser unha fonte importante de liberación de microplásticos ao ambiente mariño, pero non se dispón de estimacións cuantitativas”, explican os autores do estudo.

Científicos sinalan as bateas como fonte de micropásticos que contaminan as rías

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...