InicioMedio Ambiente e PatrimonioA veciñanza de Taboexa, nas Neves, celebra "xornadas de deseucaliptización" para botalos...

A veciñanza de Taboexa, nas Neves, celebra “xornadas de deseucaliptización” para botalos do monte

PUBLICADO O

- Advertisement -

En Taboexa, concello das Neves, as comuneiras e comuneiros decidiron facerlle fronte a “expansión incontrolada” dos eucaliptos con “xornadas de deseucaliptización” e tamén retirando os poucos pés que existían na comunidade e estaban ainda verdes, sen queimar.

O día 15 do mes pasado unhas decenas de persoas conseguiron deixar “libre de eucaliptos” case 14 hectáreas de monte comunal, zonas escollidas por estar moi próximas a lindes cos terreos particulares e zonas con especial interese como a dos petróglifos da Coutada.

O vindeiro sábado 27 de outubro dende as 9 da mañá e ata mediodía continuarán co proceso para eliminar a proliferación de eucaliptos no Castro de Altamira, o Mouro, as Pozas do Monte e se poden aínda en máis lugares, priorizando sempre os terreos máis próximos a poboación e a elementos a conservar como os arqueolóxicos ou os nacentes de auga.

Oscar González, Presidente da Comunidade de Montes de Taboexa, explica que “esta comunidade nunca foi produtora desta especie pero dende o lume de 2017 aínda menos”.

Cartaz da iniciativa/ Comunidade de montes de Taboexa

“A experiencia nos di que, a pesar de que aquel foi un día de moito vento, foi o eucalipto quen trouxo o lume de Portugal, se só houbera o vento e non participara o eucalipto no incendio seríamos capaces de paralo”, asegura.

“En segundos ou minutos o lume prendía a 500 metros de distancia grazas a faíscas desta árbore. A favor da especie so podo dicir que é boa para o mel. Economicamente hai outras especies e usos do monte máis rendibles como o castiñeiro”, defende.

Engade ademais como o eucalipto “desertiza a terra, cambia as propiedades das augas, as raíces rompen e atrancan tubos… Explicábao na primeira xornada, non só queremos limpar o noso monte comunal, tentamos concienciar as demais persoas particulares ou colectivas de que para non sufrir lumes como aqueles, ou peores, o xeito é coidando, valorando, querendo o noso monte, non abandonando”.

ÚLTIMAS

A cocaína localizada nun colector portuario este martes estaba oculta nun dobre fondo: 520 quilos en 432 paquetes

Os máis de 500 quilos de cocaína localizados nas últimas horas nun colector no...

Caballero reta a Rueda a conseguir “do seu amigo” Luís Montenegro, primeiro ministro luso, o compromiso co AVE en 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este martes en que o Goberno de España...

A Xunta defende o seu traballo na illa de San Simón logo das críticas do Concello de Pontevedra

A Xunta de Galicia reivindicou que "cumpre cos termos" da concesión demanial e do...

Un xulgado Social emite a primeira sentenza ditada en Vigo con uso do sistema de adaptación á lectura fácil

O Xulgado do Social número 2 de Vigo ditou unha sentenza pioneira na cidade ao utilizar...