As praias galegas están cheas de residuos máis aló dos pélets ou microplásticos. Cheas de lixo mariño entre o que está o plástico, en gran cantidade, en forma de bolsas e envases, principalmente, pero tamén o cartón e o papel das cabichas dos pitillos. Semella que a práctica de fumar na praia é moi habitual nos areais galegos, onde os fumadores non son conscientes da elevada contaminación que estes residuos supoñen. O ‘Informe Macrolixos das costas españolas‘, elaborado polo proxecto ‘La España Azul‘ en decembro de 2023, encabezado polo naturalista e explorador Nacho Dean, documenta o estado de tres ecosistemas galegos pondo o foco na contaminación por plásticos. Dende Galicia Confidencial recollemos os datos da súa experiencia de limpeza nas praias de Covas (Viveiro), Rodas (Íllas Cíes) e Riazor e Orzán (A Coruña).
A praia de Rodas, situada nas Illas Cíes e nomeada como a máis bonita do mundo no ano 2007, sendo a máis visitada de Galicia, realizouse unha limpeza con 42 voluntarios o 17 de decembro de 2022, na que se mostrearon 600 metros de areal e se recolleron 30,62 quilos de residuos. O acceso a esta praia, hai que lembrar, está limitado a un número máximo de visitantes, debido a que este paraíso de augas cristalinas atópase no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Pese a todo, non por estar nun espazo protexido conta con menos contaminación, pois ao final os limpadores recolleron 3.003 ítems de lixo mariño, un 57,28 % deles fragmentos plásticos de diversos tamaños e de poliestireno. Do 42,72 % restante, a categoría máis recollida foi o plástico, nun 74,51 %. Entre os plásticos, destaca a alta presenza de cabos, cordas e cordeis, tapas, tapóns e anillas, sendo respectivamente, o 25,63 % e o 23,74 %. Tamén hai que mencionar que é a única praia na que se atoparon palas de bateas usadas no cultivo de mexillóns.
En segundo lugar, atópanse residuos hixiénicos, que representan un 15,59 % dos residuos. A eles síguenlles o papel e o cartón (5,38 %), a madeira (1,71 %), o metal (1,17 %), os lixos de especial estudo (0,78 %), os residuos médicos (0,16 %) e o vidro (0,08 %). En números, acháronse na praia de Rodas 245 cabos, cordas e cordeis; 227 tapas, tapóns e anillas; 178 bastonciños de orellas; 116 obxectos de acuicultura; 90 bolsas e sacos de plástico; e 79 envases de comida. Así, os voluntarios determinaron que as principais fontes de contaminación foron a falta de concienciación sobre o impacto dos residuos e os residuos procedentes da industria pesqueira e do marisqueo. Entre as solucións, consideran preciso instalar máis puntos de recollida de residuos na praia, o fomento das limpezas de praias, as campañas de educación e sensibilización ambiental, a mellora da regulación pesqueira e do marisqueo, a produción de materiais de pesca e acuicultura máis sostibles e o fomento do turismo e o consumo sostibles.