InicioEconomíaReclaman a intervención urxente da Xunta para evitar o peche de Maderas...

Reclaman a intervención urxente da Xunta para evitar o peche de Maderas Iglesias

O Comité de Empresa volverá reclamar por escrito a intervención da consellería de Industria para garantir a continuidade da empresa e o mantemento dos postos de traballo, a tres días de comezar a negociar o ERE extintivo para 140 empregados.

PUBLICADO O

Unhas 200 familias dos concellos de Salvaterra, O Porriño, Vigo, Ponteareas e Mos veríanse afectadas no caso de que finalmente se consume o peche de Maderas Iglesias, compañía dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha crítica situación económica.

Ante isto, o comité de empresa volverá reclamar por escrito a intervención da Xunta para garantir a continuidade da empresa e o mantemento dos postos de traballo.

Maderas Iglesias emprega na actualidade a 249 traballadores. Ademais dos cinco devanditos municipios, que concentran a maior cantidade de empregados (51 en Salvaterra, 38 no Porriño, 36 en Vigo, 32 en Ponteareas e 31 en Mos), a desaparición da compañía deixaría sen posto de traballo a un importante número de persoas en Tui (16), Salceda (13), As Neves (6), Redondela (6) e Tomiño (6). Trátase en todos os casos de empregos directos, polo que a cifra de indirectos sería aínda maior.

Segundo denuncia a CIG, malia que hai xa tres meses que se aprobou por unanimidade do pleno do Concello do Porriño unha moción reclamando a intervención da Xunta para garantir a supervivencia da compañía e o mantemento dos postos de traballo, o Goberno galego aínda non se puxo en contacto co Comité de Empresa. “Non sabemos cal pode ser a axenda do conselleiro de Industria para que neste tempo non fixese nada para salvar unha das compañías máis importantes do sur da provincia de Pontevedra, e da que dependen centos de familias”, denuncia o sindicato.

ERE extintivo

En decembro, a representación do cadro de persoal mantivo xuntanzas con todos os grupos políticos con representación no Parlamento e co Igape para demandarlles un compromiso político co futuro de Maderas Iglesias. Neste senso, reclámanlle aos Concellos afectados nos que goberna o PP “que dean un paso adiante en defensa do emprego en Maderas Iglesias”. O comité, pola súa banda, reiterará por escrito a petición para que a Xunta interveña.

CIG lembra que cada vez queda menos tempo para buscar unha solución que evite o peche da empresa, xa que o vindeiro venres terá lugar a primeira xuntanza para negociar o ERE extintivo que afectará a 140 traballadores. “Non entendemos a inoperancia da consellería a catro días de que se produza unha reunión da que depende en boa medida o futuro da empresa e o de centos de familias”, sinalan dende este sindicato.

ÚLTIMAS

Rescatado o corpo sen vida dun home despois dun accidente co seu kaiak en Fornelos de Montes

Os Bombeiros do Porriño rescataron o corpo sen vida dun home tras sufrir un...

Máis de mil persoas de loito en Moaña para reclamar o regreso do PAC ao concello

Máis dun milleiro de persoas volveron a saír á rúa vestidas de loito no...

O PP vigués acusa ao Goberno local de non tomar nota por repetirse “os atascos monumentais” do pasado Nadal

O concelleiro do PP de Vigo Fernando G. Abeijón reprochou ao Goberno local que...

Arde un alboio en Gondomar sen que houbesen danos persoais

Un incendio calcinou por completo un alboio do lugar de Paraboa, na parroquia de...