InicioPolíticaA oposición de Mos pide a dimisión da alcaldesa por "inxuriar" a...

A oposición de Mos pide a dimisión da alcaldesa por “inxuriar” a parte da veciñanza

Denuncian un "circo mediático" sobre unhas "supostas faturas falsas da auga" que a popular utilizou, indican, para "acusar" a unha parte da veciñanza que se opón "ao pelotazo urbanítico e especulativo" do Real Club Celta.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os grupos municipais de PSOE, GañaMos e BNG no Concello de Mos anunciaron a celebración dun pleno extraordinario (teñen máis dun cuarto dos concelleiros da corporación e poden solicitar a convocatoria) no que pedirán formalmente a dimisión da alcaldesa, Nidia Arévalo (PP), polo “circo mediático” sobre unhas “supostas faturas falsas da auga”, que utilizou, denunciaron, para “acusar e inxuriar” a unha parte da veciñanza desta localidade.

Esta polémica remóntase a maio de 2019 cando, unha semana antes das eleccións municipais, a alcaldesa presentou unha denuncia pola detección de supostas facturas falsas da auga, que se enviaron aos veciños de Mos, con cobros moi elevados. Esas facturas eran emitidas por unha entidade, Aquamos, que non existe, e dirixíanse ás familias do municipio.

Tras a denuncia ante a Garda Civil, Nidia Arévalo fixo público o caso e afirmou a existencia dunha “trama política” para desacreditala poucos días antes dos comicios. A ese respecto, apuntou ao partido GañaMos e á Comunidade de Montes de Tameiga, aos que acusou de estar detrás do envío desas facturas falsas, para crear confusión sobre o servizo de abastecemento de auga e as consecuencias que tería para a traída de augas o proxecto do Real Club Celta nesta localidade.

Con todo, o xulgado de Instrución e Primeira Instancia 1 do Porriño decretou a mediados de novembro pasado o sobresemento e arquivo do procedemento (no que a Garda Civil chegou a investigar a dous veciños de Mos), por considerar que non se cometeu un delito.

DIMISIÓN DA ALCALDESA

O goberno local de Mos, no entanto, recorreu o auto, e a oposición pediu que retire o recurso e que a alcaldesa “pida perdón” por promover un “circo mediático” e ter “amplificado” un asunto que acabou arquivado polos xulgados, todo con finalidade “propagandística”.

PSOE, GañaMos e BNG constataron este mércores en rolda de prensa que “todas as acusacións realizadas pola alcaldesa”, así como as accións xudiciais nas que empregou “diñeiro público”, quedaron “desmentidas”. “Pero o dano xa está feito”, lamentaron, e lembraron que Nidia Arévalo acusou “con nomes e apelidos” a veciños de Mos, sen respectar a presunción de inocencia, e aos propios partidos da oposición.

Este tres grupos denunciaron que Arévalo emprendeu unha “cruzada persoal” contra a comunidade de montes de Tameiga e contra os representantes das traídas de auga que se opoñen “ao pelotazo urbanítico e especulativo” que queren “perpetrar” o PP e o presidente do Celta, Carlos Mouriño, no monte veciñal.

Por todo isto, e tras insistir en que “é inaceptable” que “se acose e se inxurie desta maneira” a unha parte da veciñanza, os partidos da oposición anunciaron que exercerán o seu dereito de solicitar a convocatoria dun pleno extraordinario, no que pedirán a dimisión da rexedora. Así mesmo, PSOE, GañaMos e BNG comprométense a devolver as dietas recibidas por esa sesión ás arcas municipais, para que o diñeiro sexa “destinado a gastos derivados da pandemia”.

ÚLTIMAS

Xuízo con tribunal popular para o crime de Coia: o acusado enfróntase a case 22 anos de cárcere por asasinato

O xuízo polo chamado crime de Coia de 2024, que se celebrará con tribunal...

Cardama, avisa: “se Uruguai rompe o contrato das patrulleiras será malo para todo o naval vigués”

O empresario vigués José García Costas, accionista do estaleiro Cardama, advertiu este venres de...

A Xunta nega acoso escolar tras as denuncia no colexio concertado Monterrey: “técnicamente non é”

A familia dunha nena de 5 anos denunciou a falta de actuación do colexio concertado...

Sancionan cinco alumnos do colexio Monterrey en Vigo tras a denuncia da familia dunha nena por suposto acoso

O colexio Monterrey de Vigo abriu cinco "procedementos correctores con sancións" no marco da...