InicioVigo e contornaO PorriñoPrisión provisional para o irmán de Sinaí Giménez por dúas tentativas de...

Prisión provisional para o irmán de Sinaí Giménez por dúas tentativas de asasinato tras un tiroteo no Porriño

Tamén ten unha causa pendente en Pontevedra, por un altercado no que resultou ferido un avogado.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A xuíza de Instrución 1 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para Juan Paulo G.J., irmán de Sinaí Giménez (coñecido como ‘o rei dos xitanos de Galicia), investigado por dous supostos delitos de asasinato en grao de tentativa ou, alternativamente, dous delitos de lesións con instrumento perigoso, en relación cun tiroteo ocorrido en maio en 2019, durante unha celebración de ‘pedida de man’ nesta localidade. Tamén se lle atribúe un suposto delito de tenencia ilícita de armas.

Os feitos ocorreron na madrugada do 19 de maio dese ano cando, segundo varias testemuñas, Juan Paulo irrompeu nun local multiusos no polígono de Torneiros, onde se estaba celebrando unha ‘pedida man’ por parte do colectivo dos chamados ‘xitanos zamoranos’. Ao entrar, realizou varios disparos ao aire cunha arma e, ao rebotar, os proxectís acabaron alcanzando na cara a unha nena de 15 anos e nas costas a outro mozo.

Tras o ataque, Juan Paulo fuxiu nun coche conducido por outra persoa e permaneceu en paradoiro descoñecido ata que, na noite deste mércores, unha dotación da Garda Civil interceptouno nun control preventivo de vehículos en Tui e detívoo.

REQUISITORIAS

Sobre o irmán maior de Sinaí Giménez pesaba unha requisitoria de procura, detención e personación do xulgado do Porriño, polos feitos ocorridos en Torneiros, pero tamén estaba a ser buscado polo xulgado Penal 1 de Pontevedra, en relación con outra causa.

Por iso, tras a súa detención este mércores e posta a disposición xudicial en Tui, informóuselle do contido dun escrito de cualificación relativo a un caso de obstrución á xustiza por incomparecencia, e explicóuselle que debería presentarse no xulgado de Pontevedra para presentar escrito de defensa.

Ese caso remóntase a abril de 2014, cando Juan Paulo e varios membros da súa familia participaron nun altercado ás portas do xulgado de Tui, no que foi agredido un avogado. Eses feitos xa foron axuizados, pero Juan Paulo estaba fuxido cando se celebrou a vista, mentres que varios dos seus irmáns foron condenados (entre eles, Sinaí Giménez).

ATAQUES AOS ‘ZAMORANOS’

O incidente de Torneiros, de maio de 2019, foi un capítulo máis na escalada de ataques do ‘clan dos Morones’ ao colectivo de ‘xitanos zamoranos’, unha sucesión de desencontros que empezou cunha orde de desterro cinco anos antes.

O exilio forzoso de centos de persoas que vivían no Porriño, ordenado polos Morones, resolveuse coa mediación da Fiscalía Superior de Galicia, e os ‘xitanos zamoranos’ puideron volver ás súas casas e colexios. Con todo, a tregua durou pouco.

En outubro de 2015, varios vehículos de feirantes foron tiroteados na VG-20, só días despois de que se producise unha liorta entre ‘galegos’ e ‘zamoranos’ no mercado de Cangas. Os incidentes reproducíronse posteriormente na feira de Redondela.

Ademais, a ‘familia real xitana’ de Galicia e algúns dos seus achegados tamén están a ser investigados por un xulgado de Cangas por delitos como ameazas e coaccións, branqueo, ou tenencia de armas, en relación coa extorsión a outros feirantes.

O membro máis coñecido deste clan familiar é Sinaí Giménez, presentado publicamente hai anos como cabeza visible da organización Sociedad Gitana Española (e como portavoz do colectivo de feirantes xitanos galegos) e, desde 2019, tomou a substitución do seu pai, Olegario, como ‘rei dos xitanos de Galicia’.

En 2015, Sinaí Giménez presentouse ás eleccións municipais para optar á alcaldía de Vigo, encabezando a lista da partido Iniciativa Independiente, e autodenominándose “o Obama galego”, aínda que só obtivo 283 votos.

ÚLTIMAS

A Universidade de Vigo aproba o orzamento máis alto da súa historia con 251,1 millóns para 2026

O Consello Social da Universidade de Vigo (UVigo) ratificou este luns o orzamento da...

Vigo licita o servizo de transporte urbano para os próximos nove anos por case 196 millóns

A xunta de goberno local de Vigo aprobou este luns a licitación do transporte...

A Policía Nacional desarticula en Vigo unha banda que asaltaba a empresarios chineses en toda España

A Policía Nacional desarticulou en Vigo un grupo criminal colombiano especializado en asaltar a...

A Xunta urxe a Vigo a sinalizar o Camiño para evitar que os 90.000 pelegríns se “perdan”

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director da Axencia de...