InicioCulturaO Festival de Cans recoñecerá o traballo da cineasta Manane Rodríguez co...

O Festival de Cans recoñecerá o traballo da cineasta Manane Rodríguez co Premio Pedigree da súa edición de 2020

Ademais, concederanse os Chimpíns de prata á actriz e profesora Mariana Fernández e a coordinadora médica do festival, Merchi Sánchez.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Festival de Cans recoñecerá o traballo da cineasta nada en Uruguai e afincada en Galicia desde hai varias décadas Manane Rodríguez co Premio Pedigree na súa edición de 2020.

Segundo trasladou a organización do evento, esta será a primeira vez que un festival de cinema celebrado en Galicia recoñeza a traxectoria desta realizadora.

Así, a entidade organizadora do Festival de Cans, a Asociación Cultural Arela, acordou entregarlle o galardón este ano. Ademais, concederanse os Chimpíns de prata, que recoñecerán o traballo realizado para visibilizar o evento e a súa colaboración co mesmo, á actriz e profesora Mariana Fernández e a coordinadora médica do festival, Merchi Sánchez. O Chimpín de Prata Divina Campos entregarase aos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco.

Manane Rodríguez, creadora na Coruña da produtora Xamalú Filmes en 1994, será a primeira directora que recibirá a máxima distinción do festival. Deste xeito, os organizadores do evento buscan pór en valor que asinase catro películas de ficción, “un fito inédito en Galicia para unha directora muller e un número aínda inalcanzable para a maioría das cineastas en España”.

Nesta liña, a asemblea da Asociación Arela eloxiou a traxectoria desta directora “comprometida e valente”. Tamén remarcou que a súa obra se caracteriza por rescatar a memoria e que presenta “un irrenunciable compromiso feminista” como activista da asociación CIMA de mulleres realizadoras. Así, aspira a premiar “un cinema honesto e necesario”.

Adicionalmente, mediante os Chimpíns de prata, recoñecerase o labor de Mariana Fernández en materia de igualdade e destacarase o esforzo da coordinadora médica do evento, a enfermeira de Cans Merchi Sánchez. Precisamente, o chimpín ‘Pepe Puime’ que recibirá esta última busca pór en valor o seu traballo como voluntaria no festival e homenaxear os profesionais sanitarios que loitaron contra a COVID-19 durante a pandemia.

ÚLTIMAS

Retroceder as praias ou recuar a Administración

O que está a acontecer este inverno na costa da ría de Vigo non...

GKN Driveline Vigo rebaixa a 50 os afectados polo ERE, pero a CIG convoca unha folga de sete días

A auxiliar de automoción GKN Driveline Vigo reduciu de 75 a 50 o número...

Sanidade inspecciona o servizo de Dermatoloxía de Povisa tras as denuncias por falta de especialistas

A Consellería de Sanidade realizou unha visita de inspección ao servizo de Dermatoloxía do...

O PP de Vigo esixe a dimisión de Patricia Rodríguez polo “caos” na Policía Local e a frota coa ITV caducada

A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, denunciou o "desgoberno" e o "caos...