
A Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura Conxemar representa case o 62% da facturación da industria e comercialización de produtos pesqueiros en España e as súas empresas asociadas ocupan ao 54% do total das persoas que traballan no sector, tal e como desvela o Informe Sectorial da Industria e Comercialización de Produtos Pesqueiros en España 2022.
Na presentación do estudo, que tivo lugar na sede da Zona Franca de Vigo, participaron o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, e o presidente de Conxemar, Eloy García. Regades explicou que o traballo é froito dunha “estreita colaboración” entre o servizo de estudos Ardán, do Consorcio da Zona Franca de Vigo, e a asociación Conxemar. “O noso obxectivo é medir, para coñecer e valorar, o impacto que ten esta actividade na nosa economía, na xeración de ingresos, de riqueza e de emprego, que é moi relevante”, asegurou.
O delegado de Zona Franca de Vigo tamén destacou que “os socios de Conxemar crearon emprego no exercicio de maiores restricións da pandemia e lograron unha produtividade maior que o resto do sector”.
O informe desprende que en España hai un total de 768 empresas cuxa actividade principal é a industria e comercialización por xunto de produtos pesqueiros. Compañías que facturaron 14.156 millóns de euros e xeraron 32.201 empregos directos no ano 2020. De entre todas elas, Conxemar, que conta con 243 empresas asociadas, ten un volume de facturación agregado de 8.727 millóns de euros e xerou 17.327 empregos directos en 2020. “Vemos que somos mais da metade da facturación e do emprego no sector pero cando falamos do conxelado superamos o 70%”, destacou Eloy García.
PRODUTO CONXELADO
A presenza dos asociados de Conxemar aumenta cando se trata de produto conxelado, representando o número de empresas asociadas o 46% do total das compañías do sector en España. Estas organizacións son responsables de case 3 de cada 4 euros facturados polo sector e tamén de 7 de cada 10 postos de traballo da actividade en España.
COMARCA DE VIGO
O informe tamén manifesta a relevancia de Vigo, e é que as empresas de Conxemar situadas na comarca xeran o 14% da facturación, o 6% do valor engadido bruto e o 4% do emprego de total das empresas da comarca.
IFEVI
Por outra banda, Conxemar anunciou este luns que xa ten “practicamente vendida” na súa totalidade a súa Feira Internacional de Produtos do Mar conxelados que terá lugar os días 3, 4 e 5 de outubro de 2023. Por iso, solicitou á Xunta de Galicia melloras no Ifevi, entre as que se inclúen unha ampliación do recinto feiral vigués, para a celebración de grandes eventos.É