InicioEconomíaA UVigo aplica un plan de medidas urxentes para reducir entre un...

A UVigo aplica un plan de medidas urxentes para reducir entre un 25 e un 30% o consumo enerxético actual 

A xestión da calefacción e da climatización e o axuste da iluminación son accións prioritarias.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Universidade de Vigo leva anos apostando de forma decidida polas enerxías renovables e a eficiencia enerxética, para lograr con iso unha importante redución do impacto que a súa actividade ten sobre o medio ambiente e unha menor exposición á escalada de prezos da enerxía. Con todo, a UVigo non é inmune á situación actual, o cal fai que se deban tomar medidas extraordinarias para conter o custo da enerxía que a institución académica consome.

O Consello de Goberno aprobou o pasado 28 de setembro un Plan de medidas urxentes de aforro enerxético, que se completará o vindeiro curso co Plan de medidas estruturais, e co Plan de sustentabilidade da UVigo (Suvi), que ten o obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e a redución da pegada de carbono total nun 9,5 %. O Plan de medidas urxentes de aforro enerxético formulouse atendendo a catro factores clave: que as medidas teñan un efecto significativo na redución do consumo de enerxía; que non afecten a actividade académica; que preserven a salubridade e o confort dos postos de traballo do persoal e que manteñan plenamente o desempeño da actividade docente e investigadora.

“Son medidas boas con independencia do prezo da enerxía, porque non podemos desperdiciala e temos que dar exemplo”, declarou o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, que avanzou que as medidas destinadas a reducir o consumo enerxético “viñeron para quedar”. Ao abeiro do eixo de Acción, o plan inclúe sete accións básicas como a xestión da calefacción e da climatización dos edificios, prohibición do uso de dispositivos de calefacción individuais eléctricos, apagado de computadores, equipos e maquinaria cando no se utilicen, así como axuste da iluminación interior e exterior.

A calefacción acenderase a partir do 1 de novembro e ata o 15 de abril e só nos días nos que a previsión meteorolóxica de Meteogalicia cumpra simultaneamente unha temperatura máxima exterior igual ou inferior a 18ºC e unha mínima exterior igual ou inferior a 12ºC, coa excepción do caso do campus de Ourense, que por mor da súa maior oscilación térmica, se considerará habilitado para o uso da calefacción calquera día, dentro dos períodos establecidos, cunha mínima exterior igual ou inferior a 8ºC. A temperatura obxectivo de confort dos espazos interiores de ensino e traballo queda fixada nun máximo de 19ºC e establécense dous horarios de calefacción: no tramo de mañá de 7.00 a 12.00 h e pola tarde de 15.00 a 19.00 h, mentres que os edificios administrativos só terán calefacción no tramo de mañá.

Outras medidas son que non se climatizarán os espazos de circulación dos edificios e
que as fins de semana a calefacción permanecerá apagada. En todo caso, a calefacción
manterase o tempo necesario nos laboratorios, animalarios etc. que o requiran. “Non falamos de que vaiamos pasar frío nos postos de traballo, pero debemos adoptar medidas para non malgastar enerxía. Hai que abandonar malos hábitos e para acadar un novo equilibrio temos que imprimir un forte pulo na dirección do aforro”, declarou o adxunto ao reitor para as enerxías renovables e infraestruturas, Jacobo Porteiro, durante a presentación do plan.

En canto ao uso do aire acondicionado, a temperatura obxectivo de confort será de 27ºC e establécese un período de uso entre o 1 de maio e o 30 de setembro, limitado aos días nos que a previsión meteorolóxica cumpra simultaneamente cunha máxima exterior igual ou superior a 28ºC e unha mínima exterior igual ou superior a 16ºC. Polo demais, queda prohibido o uso de calefactores individuais eléctricos co fin de evitar o elevado custo derivado do seu uso, ineficacia enerxética e risco de incendio; os equipos informáticos, instrumentación científica e resto de equipamento de alimentación eléctrica debe apagarse fóra dos horarios de apertura dos edificios, aínda que quedan excluídos aqueles que requiran de conexión continuada por razóns docentes e investigadoras; deberán desconectarse os termos eléctricos e quentadores de auga instantáneos en aseos e laboratorios e apagarase a achega de calor nas cortinas de aire.

No caso da iluminación interior e exterior, axustarase solicitándolle a toda a comunidade universitaria, e en especial ao persoal da conserxarías, que apaguen a iluminación nos espazos nos que non se use no caso de interiores, mentres que no exterior, limitarase e regularase a intensidade nas zonas de aparcadoiro nas horas centrais da noite e nas zonas de pistas deportivas nos períodos sen ocupación reservada.

Pola súa banda, as medidas descritas nos eixos de organización e de sensibilización do plan inclúen, entre outras, a continuidade dos peches por motivos de aforro enerxético en Semana Santa e verán, estudándose a posibilidade de aplicalo tamén algúns días de Nadal e fin de ano; o control do consumo completando a implantación dun sistema de monitorización de consumos e produción de enerxía en todos os edificios da universidade; accións específicas para o servizo de limpeza e recomendacións para todas as persoas usuarias da institución para que apaguen as luces ao abandonar as dependencias, axustar os termostatos a temperaturas axeitadas ou usar as escaleiras en lugar dos ascensores.

A Vicerreitoría de Planificación e Sustentabilidade será a encargada de realizar o seguimento e avaliación deste plan que queda aberto para que se poidan establecer novas medidas de aforro e modificar propostas.

ÚLTIMAS

O BNG e o Concello de Vigo cruzan críticas pola “inacción” ante o prezo da vivenda

O grupo municipal do BNG criticou este luns a "inacción" da Xunta e do...

Caballero presume dun 90 % de ocupación en Vigo polo Nadal e carga contra os “antiVigo”: “Desgústalles que nos vaia ben”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou no 90 % o nivel de ocupación...

Un home enfróntase a sete anos de prisión acusado de vender droga no bar que rexentaba en Baiona

Un home sentará este martes no banco dos acusados na sección quinta da Audiencia...

Luz Casal actuará en Vigo no Teatro Afundación en febreiro de 2026 dentro da súa nova xira

A cantante Luz Casal ofrecerá un concerto no Teatro Afundación de Vigo o vindeiro...