O mundo está inmerso nun proceso de descarbonización para lograr cero emisións netas de gases de efecto invernadoiro no ano 2050 (a coñecida como neutralidade climática) e evitar, así, impactos aínda máis catastróficos do cambio climático causado pola actividade humana. Nesta estratexia, os portos sitúanse como puntos claves, xa que as actividades portuarias xeran enormes cantidades de gases contaminantes. Nesa estratexia de redución da pegada de carbono, o porto de Vigo converteuse nun campo de experimentación. Aquí púxose en marcha un proxecto para reducir as emisión que podería aplicarse noutros portos do Estado. Trátase da aplicación dunha metodoloxía coa que se podería acadar unha redución do 55 % das emisións de gases de efecto invernadoiro en todas as actividades portuarias, cumprindo así cos obxectivos do Pacto Verde Europeo para 2030.
“Os resultados presentados neste estudo reflectiron como contribúe cada axente que opera no porto á pegada de carbono total”
O proxecto é o resultado da colaboración entre a Autoridade Portuaria e as universidades de Vigo e Santiago de Compostela. En concreto, trátase dunha iniciativa guiada por Carlos Botana, xefe do Departamento de Sostibilidade do Porto de Vigo, canda Emilio Fernández, catedrático en Ecoloxía da Uvigo, e Gumersindo Feijoo, catedrático en Enxeñaría Química da USC.
“Os resultados presentados neste estudo reflectiron como contribúe cada axente que opera no porto á pegada de carbono total, o que facilita a identificación das fontes de contaminación, levando así a cumprir os compromisos do Pacto Verde Europeo”, comentan os investigadores.
CATRO ANOS DE ESTUDO
Durante catro anos, entre 2017 e 2020, probaron por primeira vez no porto de Vigo unha metodoloxía estandarizada, desenvolvendo unha ferramenta web para facilitar a súa aplicación. Trátase da metodoloxía deseñada polo Centro de Estudios y Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) para cuantificar a pegada de carbono da actividade portuaria e cuxo obxectivo é identificar de forma ordenada un inventario de focos de emisión á atmosfera, de xeito que se contabilicen todos os focos de emisión e cada unha das actividades susceptibles de xerar emisións, o cal permite identificar e impulsar políticas e accións encamiñadas a reducir o impacto das actividades portuarias sobre o medio ambiente. A idea agora é “ampliar a súa aplicación a nivel estatal”, comentan os responsables do proxecto.
As emisións de GEI exprésanse como equivalentes de dióxido de carbono (é dicir, CO2eq) e inclúen tres gases: dióxido de carbono (CO2), metano (CH4) e óxido nitroso (N2O). Os resultados do proxecto piloto desenvolvido en Vigo mostran que, neste porto, as principais fontes de gases son as operacións de carga e descarga dos barcos, debido ao seu alto consumo de combustible e que contribúe a case a metade da pegada total de carbono do porto vigués; a segunda fonte máis importante é o movemento interno dos vehículos, e destacan tamén como importantes fontes de emisións os servizos de remolque.
A principal fonte de gases contaminantes é o tráfico marítimo, tanto de buques mercantes e de pesca, como de pasaxeiros
Para a realización do cálculo da pegada de carbono das actividades portuarias consideráronse tres “Alcances”, diferenciando entre Alcance 1, 2 e 3. Así, considéranse emisións de gases de efecto invernadoiro de Alcance 1 as liberadas no lugar onde se produce a actividade por fontes que son propiedade da Autoridade Portuaria ou están controladas de modo directo por esta (por exemplo, emisións procedentes da combustión en edificios da Autoridade Portuaria, ou derivadas do consumo de combustible do parque móbil e maquinaria que son da súa propiedade).
As emisións de GEI e Alcance 2 son as asociadas á xeración de electricidade adquirida e consumida pola Autoridade Portuaria para o desenvolvemento das súas actividades (neste caso, as emisións adoitan producirse lonxe do punto de consumo da enerxía eléctrica).
E as emisións de Alcance 3 son o resto de emisións, procedentes tanto de fontes directas como indirectas, consecuencia das actividades reguladas por Autoridade Portuaria, pero que ocorren en fontes que son propiedade de ou están controladas por outra organización (por exemplo, as emisións directas e/ou indirectas asociadas á operación dunha terminal portuaria concesionada a un terceiro).
AS EMPRESAS, AS QUE MÁIS CONTAMINAN
Os resultados do proxecto piloto desenvolvido no porto de Vigo mostraron que as emisións de Alcance 1 só supuxeron o 0,66% das emisións totais en 2017 (162.449 toneladas de CO2 eq), principalmente asociadas ao consumo de combustibles fósiles dos coches, barcos e maquinaria da Autoridade Portuaria e das caldeiras dos edificios.
Neste sentido, os responsables do proxecto explican que “calquera estratexia de redución relacionada con este Alcance debería basearse na transición cara a combustibles máis limpos e na introdución da electricidade na mobilidade, na progresiva transformación dos combustibles fósiles cara a electricidade ou hidróxeno con menores emisións, tal e como se mediu tras a introdución de dous vehículos eléctricos, cinco híbridos e catro de gas natural comprimido (GNC) na flota da Autoridade portuaria, no último trimestre de 2018”.
En 2020, as emisións de Alcance 1 supuxeron aínda menos, tan só o 0,49% do total, con 108.203 toneladas de CO2 eq.
En canto ás emisións de Alcance 2, derivadas do consumo eléctrico propio da Autoridade Portuaria, en 2017 representaron o 5,4% das emisións totais (1.332.019 toneladas de CO2 eq). Pero xa en 2019, malia que se produciu un maior consumo enerxético, a adquisición de toda a enerxía procedente fontes renovables permitiu unha redución de 1.130.310 kg de emisións de GEI e unha redución do 91,42% da pegada de carbono da Autoridade Portuaria.
As emisións de Alcance 3 supoñen máis do 94% das emisións do Porto de Vigo, onde a Autoridade Portuaria só representou o 5,2%, en 2018. Nesta categoría, no ano 2017, as emisións das terminais e servizos portuarios polo consumo de electricidade e combustibles fósiles presentaban unha contribución do 17,8% do total das emisións portuarias (4.369.590 toneladas de CO2 eq). Aínda que se reduciu un chisco nos anos seguintes, sempre estiveron por riba dos 4 millóns de toneladas. Aquí, o uso de combustibles fósiles representa a maior contribución de emisións en comparación co uso de electricidade.
A paralización dos cruceiros en 2020, por mor da pandemia de covid-19, reduciu de xeito importante as emisións de gases de efecto invernadoiro no porto
Pero a principal fonte de emisión de Alcance 3 e a maior de todas as categorías é o tráfico marítimo, tanto de buques mercantes e de pesca, como de pasaxeiros, que representaron o 71,4% do total das emisión no ano 2017, e cuxa contribución aumentou aínda máis dous anos despois: un 76,9% en 2019 (é dicir, 17.975.263 toneladas de CO2 eq). Pola contra, en 2020 produciuse un descenso significativo debido á paralización do tráfico de cruceiros durante a pandemia de covid-19 (16.423.597 toneladas de CO2 eq, 75,13% do total das emisión do porto de Vigo)
As emisións de Alcance 3 derivadas do transporte de mercadorías dentro da zona portuaria, supuxeron o 5,64% do total en 2020 (1.232.810 toneladas de CO2 eq), un chisco máis que en 2017, cando se alcanzaron 1.140.592 toneladas de CO2 eq.
ACCIÓNS PARA REDUCIR A PEGADA DE CARBONO
Aínda que a achega directa da Autoridade Portuaria á pegada de carbono no porto vigués é só un 6,10%, os investigadores cren que é aí onde se pode “exercer unha maior influencia directa” para a redución das emisións, xa que as actividades están “directamente xestionadas pola propia Autoridade Portuaria”.
Particularmente, cren que é no Alcance 2, relacionado coa xeración de electricidade adquirida e consumida pola Autoridade Portuaria para o desenvolvemento das súas actividades onde se pode conseguir o maior impacto, “sendo a iluminación dos peiraos o factor máis relevante, seguido da iluminación de oficinas e outros usos”.
A principal fonte contaminante é o consumo de combustibles fósiles, que representan o 92% da pegada total de carbono da actividade portuaria de Vigo
“Por iso propuxemos a adquisición de enerxía eléctrica de fontes renovables e a implantación desta actuación no prego de contratación, conseguindo así unha redución ao 0% do Alcance 2, o que supuxo unha caída da pegada de carbono do 5,43% nos anos 2019 e 2020”, expoñen os responsables do proxecto.
O consumo de enerxía de fontes renovables causou no porto de Vigo unha redución de emisións de 274.848 toneladas nos últimos tres anos do estudo. Como din os responsables do proxecto, “se a metade das empresas aplicasen esta medida, poderíase acadar unha redución do 1,86% da pegada de carbono do porto de Vigo con respecto aos datos de 2017”.
Pero a principal fonte contaminante son os combustibles fósiles. En 2018, as emisións derivadas do consumo eléctrico foron só o 8% do total das empresas loxísticas do porto, o resto de emisións (92%) procedían do consumo de combustibles fósiles. Por iso, a proposta é “a electrificación da maquinaria”.
Ademais, para reducir o consumo de combustible propuxeron tamén implantar medidas de redución, como a introdución de vehículos eléctricos e de gas. Así, en 2018 introducíronse dous coches eléctricos, catro coches híbridos e dous coches de GLP, ademais da conversión de caldeiras de gasóleo a gas natural, o que supuxo unha redución da pegada de carbono de 54.245 toneladas, equivalente a un 0,17% con respecto ao total.
Agora, a idea é que esta ferramenta deseñada para este proxecto piloto desenvolvido en Vigo sexa utilizada noutros portos do Estado e do mundo: “Esta ferramenta pode ser utilizada en todo o mundo, permitindo así establecer métricas comparables a nivel internacional”, conclúen os responsables do proxecto.
UN EXEMPLO: A CONTAMINACIÓN DA PESCADA
Tan só o 8% da pescada que consumimos procede de zonas nacionais de pesca. Case a metade das capturas, o 47%, percorre unha media de 12.000 quilómetros até chegar a porto. Son datos que preocupan, xa que isto ten unha relación coa cantidade de emisións de gases de efecto invernadoiro de toda a cadea, desde a captura até a súa venda aos consumidores. Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) publicaron este ano os datos do que din é o “primeiro estudo” que calcula a pegada de carbono da cadea de subministración da pescada no Estado español, que inclúe a pesca, o transporte internacional e a distribución no comercio nacional. “A pesca é o maior contribuínte ás emisións da cadea”, apuntan.
Os seus resultados, con datos de 2017, mostran que as emisións totais de gases de efecto invernadoiro procedentes da produción e da cadea de valor da pescada foron de 681 quilotoneladas de CO₂e (equivalente de dióxido de carbono). Destas emisións totais, as relacionadas coas operacións pesqueiras representan o 67% (456 kt CO₂e), sendo o 33% restante (225 kt CO₂e) asociadas ao transporte (marítimo, aéreo ou por estrada).
“A evidencia proporcionada polo noso estudo destaca a importancia de atopar un equilibrio entre os patróns de consumo saudable de peixe e os seus impactos ambientais asociados”, defenden os investigadores.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.