A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal alíase coas empresas de Minho para gañar competitividade

A patronal galega, a USC e a Uvigo entran a formar parte do consello estratéxico da Confederación de Empresarios de Minho.

Reunión do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Xesús Gamallo, e do director do Igape, Juan Cividanes, coa secretaria de Estado de Valorizaçao de Portugal, e outros responsables da eurorrexión.. XUNTA DE GALICIA

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou este mércores o potencial da alianza estratéxica da Eurorrexión coa Confederación de empresarios da Rexión do Minho (Confminho) para gañar competitividade, innovación e atractivo no territorio transfronteirizo e aproveitar os fondos europeos.

No acto de firma do convenio entre a Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e Confminho e do que informou a Xunta nun comunicado, Diego Calvo citou algúns exemplos que, segundo indicou, ilustran o avance que se alcanzará neses ámbitos como o industrial co reforzo do traballo da federación Luso Galaica do Metal (Feluga) e do sector da automoción; o competitivo co Clúster Téxtil Moda da Eurorrexión e o clúster da Biotecnoloxía Luso-Galaica; a innovación coa aposta polo sector aeroespacial; a internacionalización con misións comerciais conxuntas nos mercados ou, desde o punto de vista turístico, a oportunidade que supón o Xacobeo dobre.

Así mesmo, recoñeceu o compromiso do presidente do CCDR-N, Antònio Cunha, das universidades, das empresas e da Xunta de Galicia para conciliar os intereses galegos e portugueses e seguir estreitando vínculos no marco da Eurorrexión. “É moito o feito, pero menos do que aínda podemos conseguir se seguimos traballando unidos“, dixo.

Neste contexto, referiuse á firma do convenio como un novo fito na colaboración entre territorios que supón “unir a experiencia da agrupación e das 120.000 empresas que representa a Confederación do Minho, un novo exemplo de colaboración público-privada, enxalzar o europeísmo e destacar o potencial futuro da Eurorrexión”.

Ademais, no relativo ás oportunidades que brinda Europa, Diego Calvo mostrouse convencido de que Galicia será capaz de prepararse para o próximo Marco Financeiro 2021-2027 e de aproveitar os fondos Next Generation para encarar os retos de futuro. A este respecto, incidiu en que Galicia seguirá defendendo o liderado en automoción coa planta Stellantis á cabeza. “Ser a planta máis produtiva de España cremos que debe ter un tratamento acorde na repartición dos fondos comunitarios”, engadiu.

En canto á mobilidade na fronteira, que se viu interrompida pola pandemia, insistiu aos gobernos de Madrid e Lisboa para qu o estatuto dos traballadores tranfronterizos sexa pronto unha realidade. Por último, celebrou o compromiso reiterado polo Goberno luso coa alta velocidade entre Vigo e O Porto e avogou por seguir apostando polo impulso do Corredor Atlántico de Mercadorías e dun saída Sur en Vigo.

CONSELLO ESTRATÉXICO DE CONFMINHO

No acto, a patronal galega e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), así como as Universidades de Vigo e de Santiago de Compostela entrou a formar parte do Consello Estratéxico de Confminho, a organización que aglutina ás doce principais asociacións empresariais da rexión portuguesa de Minho.

Conforme indicou a Confederación de Empresarios de Galicia nun comunicado, Confminho acaba de establecer este órgano consultivo responsable de elaborar propostas de decisións, recomendacións e/ou opinións para ser elevadas á dirección da organización sobre asuntos da correspondente área de interese económico ou empresarial, entre outros obxectivos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here