InicioEconomíaA Xunta ve "incoherencias" e "erros importantes" no estudo do abastecemento de...

A Xunta ve “incoherencias” e “erros importantes” no estudo do abastecemento de auga de Vigo

Pide ao Goberno central unha reunión para que ofreza as explicacións oportunas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta de Galicia sinalou as “incoherencias” e os “erros importantes” que existen, ao seu xuízo, no estudo sobre o abastecemento de auga a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra, polo que pediu unha reunión co Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para tratar o asunto.

Neste sentido, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiu unha carta ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán Fernández, para trasladar a “inquietude e a preocupación” do Executivo autonómico sobre os resultados do estudo, que foi enviado o pasado 8 de abril pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Neste documento, co obxectivo de garantir o abastecemento de auga, recóllense un conxunto de actuacións complementarias a realizar, entre as que se atopan unha captación de auga na confluencia dos ríos Oitavén e Verdugo; unha pequena presa augas arriba do encoro de Eiras, na canle do Oitavén; unha impulsión de auga desde o Miño ao encoro de Zamáns; e unha condución por gravidade para conectar as redes de Nigrán e Gondomar.

Na carta enviada pola Xunta ao Ministerio explícase que os técnicos de Augas de Galicia conclúen que o bombeo na confluencia dos ríos Verdugo e Oitavén é “prescindible”, “sobre todo tendo en conta que se podería conseguir unha achega equivalente, e mesmo maior, dun modo moito máis sustentable fomentando a reutilización da auga depurada para algúns usos ou evitando perdas na rede de abastecemento”.

“A confusión e a inquietude chega cando observamos incoherencias no propio documento, que certamente son moi relevantes. Non se pode entender nin comprender, tras acreditar ao longo do documento a ineficacia do transvasamento do río Verdugo e Oitavén, e tras advertilo desde Augas de Galicia, que se orcen estas obras como actuacións a realizar. Este exemplo lévanos á conclusión de que o documento contén erros importantes”, lamenta o Goberno galego.

Con respecto ao resto de actuacións previstas é “evidente”, para a Xunta, que algunha delas teñen un calado e unha gran envergadura, “e por iso chama a atención o fondo e as formas da súa confirmación, sen contar co aval social e ambiental e sen unha explicación”.

Ante este escenario de “incerteza e preocupación” e coas “incoherencias ou erros” detectados, o Goberno galego pediu ao Ministerio “un exercicio de reflexión e transparencia” sobre o contido dos documentos, así como a necesidade de que se informe do mesmo aos concellos e á Xunta.-

Por iso, solicitou unha reunión con todos os alcaldes afectados e coa Xunta de Galicia para que o Ministerio ofreza as explicacións oportunas.

ÚLTIMAS

Falece Seve, figura esencial da cultura popular e musical do Porriño e comarca

A comarca do Condado e da Louriña amenceu hoxe envolta nunha fonda tristura tras...

Un home de 67 anos, ferido grave tras ser atropelado por un bus urbano

Un home, M.Z.A. de 67 anos de idade, resultou ferido grave na tarde deste...

O PP de Vigo critica que Samil continúe sen Bandeira Azul mentres Caballero asegura que a recuperará no extremo norte

O grupo municipal do PP de Vigo lamentou este venres que a emblemática praia...

A Universidade de Vigo crea unha cátedra con BorgWarner para reforzar a formación tecnolóxica e a captación de talento

A Universidade de Vigo e a empresa BorgWarner Emissions Systems Spain formalizaron este venres...