InicioEconomíaFAO defende en Vigo o papel do peixe nunha nutrición sustentable, nun...

FAO defende en Vigo o papel do peixe nunha nutrición sustentable, nun congreso con presenza da Raíña Letizia

Conxemar pide rebaixar ao 4 % o IVE do peixe e as administracións destacan a súa relevancia na saúde da poboación

PUBLICADO O

- Advertisement -

A organización para a nutrición das Nacións Unidas, FAO, así como científicos e autoridades, defenderon este luns en Vigo o papel do peixe e dos alimentos acuáticos nunha nutrición sustentable a nivel mundial, na inauguración do IX congreso FAO-Conxemar que serve de ‘pistoletazo’ de saída á celebración da feira internacional de produtos do mar conxelados, Conxemar.

A súa Maxestade a Raíña Letizia asistiu á inauguración do evento, no Auditorio Mar de Vigo e, aínda que non interveu, mostrou coa súa presenza o seu apoio o traballo da FAO no seu camiño para acabar coa fame no planeta.

A Raíña, Embaixadora Especial de Nutrición da FAO, entrou no Auditorio acompañada polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas; polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e polo presidente de Conxemar, José Luís Freire. Antes de asistir á inauguración da xornada, saudou aos organizadores do Congreso e ao equipo de Conxemar, así como aos relatores que participan neste foro.

Na inauguración do Congreso, os asistentes puideron escoitar a mensaxe do director gerenal da FAO, Qun Dongyu, quen advertiu de que “o mundo non está encamiñado a cumprir” o compromiso de acabar coa fame e a desnutrición en 2030, polo que instou a “transformar” os sistemas agroalimentarios e facelos máis sustentables e eficientes.

Respecto diso, asegurou que o peixe e as proteínas mariñas están chamados a ser unha compoñente chave neses sistemas alimentación, grazas aos seus compoñentes nutricionais e ao seu baixo impacto ambiental, e poden axudar a acabar coa fame. Por iso, lembrou que a acuicultura xoga un papel fundamental no novo Marco Estratéxico 2022-2031 da FAO.

PESCA SUSTENTABLE, GARANTE DA SEGURIDADE ALIMENTARIA

Pola súa banda, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, sinalou que os sistemas agroalimentarios inclusivos e sustentables supoñen unha oportunidade para cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e o Acordo de París e, nese sentido, son fundamentais accións como, por exemplo, a loita contra a pesca ilegal. “Os recursos pesqueiros sustentables xogan un papel chave como garantes da seguridade alimentaria mundial e provedores de proteína de alta calidade”, destacou o ministro.

Así mesmo, incidiu en que a lei de pesca sustentable e investigación pesqueira que se está tramitando “vai ser un instrumento eficaz para apoiar esa aposta polo futuro” e o seu obxectivo é “modernizar o sector, asegurar a súa continuidade e lograr o aproveitamento óptimo dos recursos”.

Ese marco normativo, engadiu, pon o foco na substitución xeracional, a mellora das condicións nos buques, o avance na investigación, a potenciación do asesoramento científico e a optimización do consumo enerxético.

IMPACTO SOCIO CULTURAL E RELEVANCIA SANITARIA

Mentres, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou na súa intervención o impacto social, cultural e económico da actividade pesqueira en Galicia, onde a cadea mar-industria xera máis de 9.000 millóns de euros de facturación e 50.000 empregos.

Pero ademais diso, subliñou a “relevancia sanitaria” do consumo de peixe e da dieta atlántica, en todas as idades, para lograr unha nutrición adecuada e para a prevención de enfermidades. De feito, recalcou, “a dieta atlántica asóciase cunha menor mortalidade” e o peixe é “un reductor do gasto sanitario”.

O presidente de Conxemar, José Luís Freire, aproveitou a súa intervención para pór en valor o papel do complexo mar-industria e dos alimentos acuáticos na saúde, aínda que lamentou que a Comisión da UE non incluíse o peixe na súa listaxe de alimentos, dentro das súas estratexias sobre sustentabilidade e boas condutas no Pacto Verde.

ÚLTIMAS

O BNG e o Concello de Vigo cruzan críticas pola “inacción” ante o prezo da vivenda

O grupo municipal do BNG criticou este luns a "inacción" da Xunta e do...

Caballero presume dun 90 % de ocupación en Vigo polo Nadal e carga contra os “antiVigo”: “Desgústalles que nos vaia ben”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou no 90 % o nivel de ocupación...

Un home enfróntase a sete anos de prisión acusado de vender droga no bar que rexentaba en Baiona

Un home sentará este martes no banco dos acusados na sección quinta da Audiencia...

Luz Casal actuará en Vigo no Teatro Afundación en febreiro de 2026 dentro da súa nova xira

A cantante Luz Casal ofrecerá un concerto no Teatro Afundación de Vigo o vindeiro...