InicioEconomíaSeguimento "masivo" da primeira xornada folga en Vitrasa

Seguimento “masivo” da primeira xornada folga en Vitrasa

Tamén hai paros convocados para os próximos venres, sábado e domingo.

PUBLICADO O

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do bus urbano de Vigo, celebrou que a primeira xornada de folga das convocadas polo persoal (tamén hai paro convocado para os próximos venres, sábado e domingo) para denunciar o incumprimento do convenio e demandar melloras sociais saldouse cun “seguimento masivo”.

Segundo comunicou o sindicato CIG, que lidera a representación dos traballadores, a folga foi “un éxito”, así como a concentración convocada á primeira hora ás portas das instalacións da empresa.

No entanto, o presidente do comité, Imanol Arnoso, avanzou que impugnarán os servizos mínimos, xa que, aínda que o Concello de Vigo decretou que debían saír un 50 por cento dos buses (47 dos 94 que circulan habitualmente), a empresa “obrigou” a pór en circulación 52 autocares.

O comité lembrou que a convocatoria do paro responde os “incumprimentos” do convenio colectivo por parte da concesionaria que, segundo denunciaron, tamén “se nega” a negociar un novo convenio, cando o anterior pacto laboral está “caducado”.

Igualmente, o persoal criticou as xornadas excesivas pola escaseza de persoal, con horarios de “ata 10 horas de condución seguidas”, o que deriva en situacións de “tensión extrema ao volante”, o “atraso” no pago das nóminas, ou a negativa da empresa a implementar melloras de carácter social.

Ademais, o comité tamén censurou o “inmobilismo” do goberno local fronte aos incumprimentos da concesionaria, e lamentou que o alcalde, Abel Caballero, non respondeu a petición dos traballadores de manter un encontro.

APOIO DA OPOSICIÓN

Todos os partidos da oposición municipal (PP, Marea de Vigo e BNG) trasladaron o seu apoio aos traballadores de Vitrasa. Así, o portavoz ‘popular’, Alfonso Marnotes, que mantivo este martes un encontro co comité nas instalacións da empresa, esixiu ao goberno de Caballero que “obrigue” á concesionaria a “cumprir a lei”.

Marnotes considerou que o alcalde tamén é responsable da situación do persoal, xa que indemnizou a empresa e prorrogou a concesión, nunha decisión “de dubidosa legalidade”, e “agora demóstrase que foi prexudicial para o Concello e para os vigueses”.

O portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, trasladou, a través das redes sociais, o seu apoio á protesta do persoal e sinalou que “cando a empresa incumpre dereitos laborais e debe nóminas, a folga sempre é necesaria”.

Finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, esixiu ao goberno local “que actúe” ante os “graves incumprimentos da empresa” que, segundo lembrou, “finánciase con cargo a millóns de euros de diñeiro público”, á vez que denunciou a ausencia do alcalde neste conflito, e que “volve colocarse do lado das grandes empresas concesionarias”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...