InicioEconomíaVigo dá vía libre a "transformación integral" do Barrio do Cura para...

Vigo dá vía libre a “transformación integral” do Barrio do Cura para que deixe de ser un lugar “insalubre”

BNG e Marea cuestionan o interese público e a urxencia, tras anos "sen mover unha pedra"

PUBLICADO O

O pleno do Concello de Vigo aprobou este xoves, nunha sesión extraordinaria, a modificación puntual do Plan Xeral de 1993 (o plan que está en vigor, tras a anulación da PXOM de 2008) para reordenar e urbanizar o ámbito do Barrio do Cura, cos votos favorables de PSOE e PP, o voto en contra de Marea de Vigo, e a abstención do concelleiro do BNG.

A concelleira de Urbanismo do goberno local, María José Caride, defendeu que esta modificación permitirá a “transformación integral” dese ámbito, que é “imprescindible” debido á “degradación” e á situación de “insalubridade” da zona, en pleno centro da cidade, á beira do Casco Vello. Ademais, engadiu, esa urbanización (promovida desde a esfera privada) complétase con actuacións públicas na contorna, como a peonalización de Porta do Sol, a próxima recuperación da Panificadora ou as melloras de mobilidade a través do programa Vigo Vertical.

Caride tamén subliñou que o proxecto de urbanización respecta o patrimonio histórico, contempla a creación de 300 prazas de aparcadoiro, zonas verdes, unha gran praza e e prevé un 30 por cento de vivenda protexida. “Esta vez vai en serio, e vai rápido”, proclamou, en alusión a longo prazo espera para transformar esta zona.

Na mesma liña, o portavoz do goberno local, Carlos López Font, repetiu as palabras do alcalde, Abel Caballero, das últimas horas: “Este goberno está a coser as feridas da cidade, facendo que salga unha nova pel brillante“.

O edil socialista celebrou que o goberno resolva “unha cuestión histórica pendente”, onde os gobernos locais anteriores “non tiveron preocupación” senón que pensaban na “especulación”. “Hoxe o urbanismo da cidade é o da legalidade e a transparencia”, proclamou, e xustificou a “urxencia” de urbanizar o Barrio do Cura pola súa “deterioración”.

O pleno deste xoves aprobou de modo inicial a modificación do Plan en vigor. Superado este trámite, e á espera dun informe preceptivo de supervisión de Ordenación do Territorio da Xunta, someterase a aprobación definitiva.

PEONALIZACIÓN ATA PASEO DE ALFONSO

O portavoz municipal do PP, Alfonso Marnotes, recoñeceu que a recuperación do Barrio do Cura é un “vello anhelo da cidade”, que permite pór fin á “degradación” e a un “buraco” á beira do Casco Vello que provoca “vergoña”.

No entanto, advertiu de que a modificación puntual da PXOM do 93 “é incompatible” co borrador do novo Plan Xeral, que clasifica ese chan como urbano non consolidado.

INTERESES PRIVADOS

O portavoz do grupo municipal Marea de Vigo, Rubén Pérez, expresou a súa oposición á forma en que se vai a urbanizar este ámbito, no seu maior parte propiedade dun fondo privado, e denunciou que, no Barrio do Cura, houbo “unha operación orquestrada” para provocar a súa degradación e xustificar así a intervención.

Pola súa banda, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tamén cuestionou a urxencia da modificación da PXOM de 1993, especialmente cando faltan uns meses para a aprobación inicial do novo plan. A ese respecto, lembrou que, cando estivo en vigor o plan agora anulado (entre 2008 e 2015) o goberno de Caballero “non moveu nin unha pedra” no Barrio do Cura.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...