InicioEconomíaMarina Meridional urxe a compra de Vulcano e asume o "risco" de...

Marina Meridional urxe a compra de Vulcano e asume o “risco” de pagar pola concesión

Marina Meridional propuxo hai unhas semanas que, dada a incerteza sobre esa concesión, o seu valor se descontase do prezo de adquisición, que pasaría de 7,8 a 5,5 millóns.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A firma Marina Meridional presentou un escrito no xulgado mercantil 3 de Pontevedra (sede de Vigo) no que, entre outras cuestións, urxe facer efectiva a adquisición do estaleiro vigués Vulcano “coa maior celeridade posible”, propondo como data de firma o 30 de setembro ou, en todo caso, antes do 30 de novembro.

Así, a pesar de que inicialmente Marina Meridional, do empresario vigués Alberto Barreiras, pedira máis tempo para facer efectivos os 7,8 millóns da adquisición da unidade produtiva, agora pediu formalizar o alleamento canto antes, alegando que a prema será beneficiosa “para o concurso, os acredores e a concursada”.

Curiosamente, a data para asinar a adquisición fora fixada polo xulgado para o 22 de setembro, pero a citación quedou sen efecto despois de que a propia empresa adquirente presentase un recurso de reposición.

Esta empresa, do grupo Argos e a única que presentou oferta no primeiro prazo de liquidación, tamén modificou a súa posición con respecto á concesión administrativa do espazo portuario no que está Vulcano. Dita concesión, que expira en 2027, está rodeada de polémica porque, mentres que os tribunais consideran que tamén debe ser incluída no proceso de alleamento, o presidente do Porto, Enrique López Veiga, avalado por un ditame do Consello de Estado, defende que xa está extinguida (ao disolverse Factorías Vulcano) e debe volver ao Porto.

Marina Meridional propuxo hai unhas semanas que, dada a incerteza sobre esa concesión, o seu valor se descontase do prezo de adquisición, que pasaría de 7,8 a 5,5 millóns. Con todo, no último escrito presentado ante o xulgado, mantén a oferta de 7,8 millóns por “a totalidade” da unidade produtiva, e “a pesar do risco que supón, cando sobre a concesión pesan as continxencias” xa coñecidas.

Con respecto ao pago do diñeiro, a empresa acepta entregar 3,5 millóns de euros en cheques bancarios no momento de asinar a compra ante notario. Do resto, ademais dos 70.000 euros xa depositados no xulgado, propón asumir a débeda co ICO (2,5 millóns), que se fai forma automática, e co Fondo de Garantía Salarial (1,7 millóns), que debe autorizar a subrogación, para que Vulcano deixe de ser debedor.

Finalmente, expón como condición que se cancelen o resto de débedas laborais (o cal non significa que os traballadores non vaian cobrar o que lles falta de indemnizacións, un cobro que xestionará a administración concursal).

ÚLTIMAS

Carmen García Mateo abre a campaña ao Reitorado da UVigo reivindicando “seriedade” fronte á improvisación

A candidata a reitora da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen García Mateo, abriu este...

Unha investigación iniciada en Vigo destapa unha rede que enganaba migrantes con falsas ofertas de emprego

Unha investigación da Policía Nacional iniciada en Vigo permitiu desmantelar unha rede dedicada a...

O Concello reforza servizos para facilitar a regularización

O Concello de Vigo reforzou o servizo de atención ao público para "atender ao...

O Concello activará un dispositivo permanente para situacións de violencia de xénero

O Concello de Vigo activará o 1 de maio un novo dispositivo de acollemento...