O alcalde socialista de Vigo, Abel Caballero, reprobou a personación da Avogacía do Estado no procedemento ordinario iniciado por mor da demanda colectiva presentada pola Fiscalía de Pontevedra polo cobro de peaxes realizado durante a execución das obras de ampliación da AP-9.
Preguntado tras unha rolda de prensa celebrada en Vigo, Abel Caballero sinalou que, na súa opinión, a Avogacía do Estado “está a equivocarse seriamente” ao personarse na causa. “A cuestión (que se dirimirá no xuízo) non é que os cidadáns teñamos que soportar os inconvenientes dunha obra”, apuntou, “a cuestión é que aínda encima nos cobraban”, manifestou en alusión ao feito de que non se eliminase o pago das peaxes durante as retencións que tiveron lugar no marco das obras de ampliación da ponte de Rande.
Ante esta situación, o rexedor olívico asegurou que comparte a posición da Fiscalía de Pontevedra, á que adheriron grupos de afectados, e “algúns xurídicos”, xa que, ao seu xuízo, os usuarios da vía “non tiñan que pagar (as peaxes) eses días de terribles atascos”. Deste xeito, Abel Caballero asegurou que a posición que comparte busca “defender aos cidadáns”.
En concreto, segundo puido saber Europa Press, a Avogacía do Estado presentou unha solicitude para personarse na causa que foi sido aceptada polo xulgado. Mentres, a Fiscalía recorreu esta decisión ao entender que a causa se refire soamente á “explotación comercial da infraestrutura”.
Pola súa banda, a asociación de afectados polo cobro das peaxes durante as obras En-Colectivo criticou que a solicitude de personación se presentara a “escasos días” do inicio do xuízo, que se celebrará entre o 11 e o 13 de febreiro en Pontevedra. Ademais, reprobou que o Goberno defendese que Audasa “cumpriu como concesionaria, non vulnerando norma algunha de contratación pública” durante a realización das obras (que tiveron lugar entre 2015 e 2018).
BNG
Tamén o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama explicacións ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, tras personarse a Avogacía do Estado na causa polo cobro de peaxes na AP-9. Os nacionalistas denuncian que “non están a defender os dereitos dos usuarios prexudicados polas continuas retencións derivada das obras de ampliación”, pero “si” os intereses económicos de Audasa, empresa concesionaria.
Por iso, reclamou explicacións ante a “repentina solicitude” de intervención na causa e rexeitou o posicionamento “en defensa da empresa polo cobro de tarifas indebidamente cobradas durante as obras” e transcorrido máis dun ano desde o inicio do procedemento xudicial.