InicioEconomíaOs bombeiros vigueses levan a xuízo o decreto que suspende os seus...

Os bombeiros vigueses levan a xuízo o decreto que suspende os seus descansos e “impón” horas extras

"O 30 por cento do persoal está de baixa porque non soporta esta carga de traballo", lamentan representantes dos bombeiros, e engaden que "non se pode garantir a calidade do servizo", cunhas condicións de "escravitude".

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os xulgados de Vigo acolleron este mércores dúas vistas nunha sala do Contencioso Administrativo polos recursos presentados polos sindicatos CIG e CUT, contra un decreto municipal que suspende os seus descansos e os obriga a multiplicar horas extras, abocándoos á “escravitude”.

Con motivo da celebración destes xuízos, un centenar de bombeiros e delegados sindicais concentráronse ás portas do edificio dos xulgados en Vigo, para lembrar que o servizo non conta con persoal suficiente e que, precisamente por iso, están en folga desde mediados de agosto, aínda que non se note, din, porque o actual persoal non chega “nin para cubrir os servizos mínimos”.

O decreto da xefatura do servizo data do pasado mes de febreiro, e nel recóllese que deben suspender os descansos para cubrir o mínimo de 20 funcionarios en servizo cada día. Como consecuencia desta medida, denunciaron CIG e CUT, o servizo de bombeiros acumula horas extras de forma “alarmante”, non se respecta a lexislación en materia de seguridade e saúde laboral, impídese calquera intento de conciliación, etc.

O portavoz da CUT no servizo de bombeiros, David Mosquera, lembrou que o decreto é “ilegal” e “non foi negociado”. “Non nos queda outra alternativa, porque non hai achegamento ao persoal para tentar solucionar a situación, e reivindicamos os nosos dereitos laborais”, indicou, e sinalou que, debido a este decreto, chegáronse a facer 120 horas laborais en 9 días.

Mentres, o delegado da CIG, Miguel Uclés, denunciou que lles impoñen “unha sobreexplotación laboral, que é vergoñosa nunha administración pública”, e coa ameaza de que, se se negan, arríscanse a ser suspendidos durante tres anos de emprego e soldo.

“O 30 por cento do persoal está de baixa porque non soporta esta carga de traballo”, lamentou, e advertiu de que, nas actuais circunstancias, “non se pode garantir a calidade do servizo”, cunhas condicións de “escravitude”.

ÚLTIMAS

Centos de persoas saen á rúa en Vigo contra a crise da vivenda: “Nin unha Maricarmen máis”

Centos de persoas concentráronse este luns na Porta do Sol de Vigo, convocadas pola...

Vigo suspende por sorpresa a licitación do bus urbano, o maior contrato da súa historia

O Concello de Vigo publicou este luns na Plataforma de Contratación do Estado o...

A Xunta acorda a expropiación de case 15 hectáreas de monte comunal en Mos para a cidade deportiva do Celta

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a resolución da Consellería de...

A UVigo supera o 100 % de ocupación nos graos e suma 3.883 novas matrículas

A Universidade de Vigo (UVigo) alcanzou unha taxa de ocupación do 103 % na...