A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que o terceiro e último tramo da Autovía do Morrazo, a AG-46, abrirase ao tráfico a finais de xuño e remarcou que se traballa “con intensidade” para que a saída de Cangas finalizar antes que a vía.
Durante unha visita ás obras da autovía autonómica, a conselleira detallou que xa se terminaron as obras do viaduto e os pasos inferiores e superiores do tramo III, que discorre entre as ligazóns de Meira e Cangas e conta cunha lonxitude de 3,8 quilómetros.
Ademais, detallou que, neste momento, leva a cabo unha proba de carga no viaduto presente no tramo “para comprobar que cumpre os requirimentos técnicos” e apuntou que se comezaron os traballos relativos a medianas e beiravías.
A principios de xuño comezarase a estender a capa de rodaxe. No entanto, dado que esta actuación está condicionada polas condicións meteorolóxicas, a conselleira sinalou que aínda non é posible confirmar a data de apertura da vía. Ata ese momento, segundo apuntou, manteranse os desvíos na última parte da autovía para garantir a seguridade dos usuarios e dos máis de 50 traballadores.
Ethel Vázquez lembrou que o tramo III supuxo un investimento de 12 millóns de euros. En total, a conversión en autovía do Corredor do Morrazo sumou un orzamento de 55 millóns de euros e consta dunha lonxitude de 11 quilómetros. Así, asegurou que a posta en servizo do último tramo da AG-46 –os outros dous xa están en funcionamento– é “fundamental” para o desenvolvemento económico e social da comarca do Morrazo.
Preguntada polos medios, a conselleira de Infraestruturas afirmou que a autovía tamén permitirá garantir a “fluidez do tráfico” e mellorar a “seguridade viaria” na zona.