InicioEconomíaCitroën recoñece "disfuncións" na liña de montaxe, pero pide desconvocar a folga

Citroën recoñece “disfuncións” na liña de montaxe, pero pide desconvocar a folga

Os sindicatos reclaman compromisos "por escrito e con prazos" e manteñen a xornada de paros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A dirección da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo recoñeceu este luns “disfuncións” na configuración dos novos postos na liña de montaxe do sistema 2, e reiterou a súa oferta de “diálogo” para seguir implementando medidas de mellora, aínda que condicionou esa negociación á desconvocatoria da folga prevista para este xoves, 16 de maio (con paros de dúas horas en cada quenda).

Representantes da empresa, co director da fábrica, Ignacio Buenbo á cabeza, mantiveron unha reunión este luns con representantes sindicais, aos que trasladaron a súa vontade de manter aberto o diálogo e fixeron un chamamento á “responsabilidade”, porque unha folga “non é o contexto adecuado” para solucionar os posibles problemas.

Fontes da dirección a factoría trasladaron que “se lles pediu desconvocar a folga para seguir negociando”, e recoñeceron que a sobrecarga de traballo no sistema 2 vén motivada, en gran medida, porque a industrialización das novas furgonetas leva aparellados dous tipos de vehículo, tres marcas e “un moi alto volume de produción”.

Así, vincularon os problemas na liña de montaxe ás “disfuncións” na “configuración dos novos postos de traballo”, pero lembraron que xa se implementaron medidas para mellorar esa situación, mentres que hai outras solucións “que non son tan inmediatas, porque requiren de análises previas”.

En todo caso, a empresa sostén que “a situación do taller está a mellorar” e que hai unha “vontade de seguir dialogando” para “estabilizar” ese taller, polo que pediu aos sindicatos “unha reflexión sobre o impacto” dunha medida como a folga, nunha fábrica que é “referente” no grupo PSA polo seu diálogo social, e que ten “moi boas expectativas”.

De feito, a dirección da planta lembrou que existe unha mesa de traballo cos sindicatos, precisamente para estudar esas medidas de mellora no sistema 2, e que o próximo 24 de maio haberá unha nova reunión.

SINDICATOS

Pola súa banda, os sindicatos trasladaron a súa intención de manter a folga do xoves en tanto non haxa un “compromiso por escrito e con prazos” para pór fin á situación de sobrecarga que padecen os traballadores nese sistema.

Así o explicou o portavoz de CC.OO., Santiago García Cameselle, quen advertiu de que os representantes do persoal “xa non se fían” da palabra da dirección.

A ese respecto, incidiu na demanda de que se recuperen os nove postos que se perderon nos últimos dous meses, e que se cuantifique o número de novas incorporacións para que a liña de montaxe recupere o persoal suficiente como para que cada operario teña un ritmo de traballo “asumible”.

“Están preocupados”, constatou García Cameselle, quen respondeu aos chamamentos da empresa ao diálogo lembrando que “tiveron tempo” de sentar a negociar e non o fixeron. “Nos cinco días que durou o peche, non se acordaron de vir falar connosco”, criticou, en alusión á protesta dos representantes de CIG, CC.OO. e UXT a pasada semana.

ÚLTIMAS

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...

Detido un home en Vigo por saltar unha orde de afastamento dunha muller coa que foi sorprendido discutindo na rúa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 44 anos de...