Os traballadores da sección de frío de Nova Pescanova en Chapela-Redondela e O Porriño convocaron paros parciais para o próximo 27 de marzo, “pola negativa da empresa a garantir os empregos” deses operarios que, a partir do 1 de abril, serán externalizados (pasan a ser traballadores de ALC).
Así o comunicou o sindicato CUT, que explicou que os paros serán de 12,00 a 14,00 horas, de 15,00 a 17,00 horas e de 23,00 a 1,00 horas. O sindicato sinalou que a medida de presión pretende que Nova Pescanova garanta que eses 46 traballadores que serán subrogados manterán os seus postos, sexa en ALC ou na propia multinacional pesqueira, no caso de que a empresa externa queira prescindir deles.
Cando se confirmou a externalización da sección de frío, a CUT, a CIG, UXT e USO xa manifestaron as súas sospeitas de que podería ser un primeiro paso para “desmantelar” o grupo. Así, a CUT lembrou que “o obxectivo dos propietarios de Nova Pescanova (os bancos) non é outro que ir vendendo a empresa a anacos para recuperar diñeiro”.
Neste escenario, advertiu de que considerará á dirección do grupo “responsable subsidiaria” do que ocorra ao persoal, incluídos os operarios externalizados da sección de frío.
A central sindical advertiu de que, se Nova Pescanova non lles garante o mantemento dos empregos, non descarta trasladar os paros aos centros de produción de Chapela e O Porriño.