O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres os servizos mínimos da folga convocada polo comité de empresa de Subus Grupo de Transporte, S.L., resultando afectado o contrato de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral da zona do Baixo Miño e o sur de Vigo debido a que é unha das compañías que participa na UTE concesionaria destes traxectos.
Así, a Xunta lembra que estes servizos de transporte teñen un carácter “esencial” para a cidadanía en cando supoñen unha ferramenta “básica” para o exercicio doutros dereitos como son os de libre circulación dentro do territorio nacional.
A folga levará a cabo os días 7, 14 e 28 de agosto e, durante estas xornadas, deberán respectarse os servizos mínimos.
Dentro da regulación dos mesmos, diferéncianse os traxectos de lonxitude inferior a vinte e cinco quilómetros, nos que, nas franxas horarias da primeira e última hora do día, de 06.00 a 09.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas, establécense como servizos mínimos o 50% das expedicións existentes, e nas expedicións non integradas de lonxitude superior a vinte e cinco quilómetros, con orixe ou destino nalgunha do sete cidades, nas que se mantén unha expedición de ida e outra de volta nos servizos con saída anterior ás 14.00 horas e posterior ás 18.00 horas.
PROXECTO DE INTERESE AUTONÓMICO
Noutra orde de cousas, o DOG publica tamén este venres o anuncio da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade do informe ambiental estratéxico relativo ao proxecto de interese autonómico Cantabria-Ramón Neto-Santa Cristina, no Concello de Vigo, onde se pretende construír preto de 1.400 vivendas. Desta maneira, a Xunta informa de que se acordou someter a consulta pública o documento ambiental estratéxico e o borrador do proxecto.
Iso si, indica que se finalmente o órgano ambiental determina que é necesario someter o proxecto ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, as observacións e sugestiones recibidas serán tidas igualmente en conta.
