Traballadores de Servicios Concellos Galegos, concesionaria da recollida de lixo do Porriño, mobilizáronse este martes para reclamar un convenio “digno” que se incorpore aos pregos do concurso municipal para a nova concesión. Segundo informa a CIG, a protesta desta mañá diante da sede do Concello porriñés forma parte dunha campaña de mobilizacións e xornadas de folga convocadas para os días 9, 10, 11 e 12 de xullo. A mobilización chega despois de que os traballadores se reunisen este luns co alcalde, Alejandro Lorenzo, para abordar a problemática laboral que padecen estes empregados.
A pretensión da parte social, segundo apunta o sindicato, é que se negocie un convenio e que este se incorpore aos pregos de condicións do servizo, para que as compañías que se presenten ao concurso coñezan de antemán as condicións laborais que deberán garantir. Tal e como indica a CIG, o rexedor trasladoulles que o Concello xa ten elaborados os pregos para adxudicar de novo o servizo. Con todo, a central insiste na necesidade de negociar antes o convenio coa actual empresa para que as melloras se poidan recoller nesa documentación.
DISCREPANCIAS COA EMPRESA
Segundo engade a CIG, tras varias reunións coa dirección da empresa, esta escúdase en que o Concello non ten actualizados os prezos do servizo e no incremento “desorbitado” da cota de Sogama para negarse a aceptar as propostas de melloras laborais. Entre os aspectos nos que se mantén a discrepancia figuran a suba salarial e o aumento dos descansos, entre outras condicións reclamadas polos traballadores.
