O Consorcio Casco Vello de Vigo aprobou este xoves o seu plan de actuación 2026-2030, con 25 inmobles de actuación prioritaria e un investimento de 15 millóns de euros. Tal como recolle a Xunta nun comunicado, a delegada territorial do Goberno galego na cidade e presidenta do Consorcio, Ana Ortiz, valorou o acordo do consello de administración extraordinario desta mañá, onde tamén se aprobaron o convenio entre administracións e o Plan de Actuacións, Investimentos e Financiamento 2026.
“Hoxe estamos de parabén porque o traballo feito durante os últimos 20 anos para a recuperación do barrio histórico vai ter continuidade, porque o noso compromiso é firme e imos seguir esta liña para que o Casco Vello teña unha rehabilitación integral no menor tempo posible”, subliñou Ortiz.
Segundo dixo, o plan de actuación ata 2030 marca as pautas de rehabilitación que levará a cabo o organismo durante o próximo lustro. Así, un total de 25 inmobles foron cualificados como obxectivo de actuación prioritaria e outros 20 están na lista de secundarios para dotar ao plan de flexibilidade.