InicioEconomíaZamora Sí lanza un boicot para impedir que os viaxeiros vigueses...

Zamora Sí lanza un boicot para impedir que os viaxeiros vigueses teñan billetes de AVE dispoñibles

Renfe respondeu ás críticas sinalando que Castela e León non asume os custos adicionais que sí financian outras comunidades autónomas como Galicia ou Madrid, o que limita a viabilidade económica de manter certas paradas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O colectivo cidadán Zamora Sí anunciou unha acción de protesta sen precedentes contra a recente supresión de paradas do AVE Vigo-Madrid en varias localidades de Castela e León, incluíndo Zamora e Sanabria. A iniciativa, descrita como “legal pero contundente”, consiste na adquisición masiva de billetes para o primeiro tren dos luns (con saída ás 6:00 da mañá dende Vigo) para, posteriormente, cancelalos media hora antes da partida. O obxectivo é deixar os vagóns practicamente baleiros, xerando así un impacto económico e mediático considerable sobre Renfe.

Segundo Eloy Tomé, portavoz do colectivo, a acción pretende “atacar onde máis lles afecta: na operativa do servizo e nas súas finanzas”. A compra centrarase en billetes de clase Premium, a única que permite a devolución do 95% do importe no caso de cancelación anticipada. A operación, que podería implicar a adquisición de ata 500 billetes por traxecto, tería un custo estimado de 50.000 euros, financiados a través de micromecenado e achegas privadas.

Tomé foi contundente nas súas declaracións: “Non temos nada contra os cidadáns de Vigo, pero si contra o seu alcalde, que demostrou unha total falta de solidariedade coa nosa terra”. O político zamorano acusa directamente a Abel Caballero de exercer presión para reducir as paradas intermedias co obxectivo de reducir o tempo de viaxe entre Vigo e Madrid, unha demanda que, segundo el, perxudica gravemente ás áreas rurais de Castela e León.

Abel Caballero defende a súa postura, alegando que Vigo conta unicamente con catro conexións diarias con Madrid, en comparación coas dez de Zamora, e que a súa cidade leva anos sendo prexudicada por un trazado ferroviario que obriga a realizar un rodeo por Santiago. “Non cuestiono onde debe parar o tren, pero Vigo non pode continuar pagando a sobresaturación doutros territorios”, declarou o rexedor vigués.

Pola súa banda, Renfe respondeu ás críticas sinalando que Castela e León non asume os custos adicionais que si financian outras comunidades autónomas como Galicia ou Madrid, o que limita a viabilidade económica de manter certas paradas.

A proposta de Zamora Sí, que será debatida nas mesas de traballo ferroviarias da provincia, busca dar visibilidade ao descontento dunha rexión que se sente abandonada polas actuais políticas de mobilidade. Mentres tanto, o AVE continúa a súa ruta, pero a tensión entre os territorios non deixa de aumentar sobre as vías da alta velocidade.

ÚLTIMAS

Sogama acusa a Caballero de mentir sobre a subida do canon do lixo

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Liño, acusou este luns ao alcalde de Vigo,...

O BNG esixe pór fin ao “descontrol” e á “barra libre” dos pisos turísticos en Vigo: “En 5 anos, pasaron de 400 a 2.400”

O BNG de Vigo esixiu ao goberno municipal e á Xunta de Galicia que poñan fin...

O embaixador de Perú rende homenaxe ás vítimas do Villa de Pitanxo no porto de Vigo

O embaixador de Perú en España, Luís Iberico Núñez, encabezou este domingo unha ofrenda...

Enfróntase a máis de 16 anos de cárcere acusado de violar e roubar a unha muller á de traballar dun hospital de Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulgará o vindeiro...