A Unión Sindical de Controladores Aéreos (USCA) advertiu este luns de que a posta en marcha da torre de control remoto (torre virtual) no aeroporto vigués de Peinador “pode supor unha grave degradación do servizo, limitando a operatividade de voos esenciais e comprometendo o futuro da instalación”. A través dun comunicado, o sindicato sinalou que, segundo a información técnica de que dispoñen, o sistema remoto proposto “presenta deficiencias na detección visual de aeronaves de pequeno tamaño e en condicións meteorolóxicas específicas”. Esta limitación, alertaron, levaría a impor restricións horarias que impedirían a simultaneidade de voos visuais (VFR) e de voos instrumentais (IFR).
Segundo sinalou USCA, as restricións impactarían directamente nun tipo de voos que son esenciais para a terminal viguesa, como son os de transporte sanitario urxente, vixilancia aduaneira, servizos de extinción de incendios ou salvamento marítimo, voos de escola ou voos privados. Igualmente, podería haber atrasos nas operacións regulares. “O notable crecemento deste tipo de operacións que o aeroporto experimentou nos últimos anos veríase seriamente afectado as limitacións de simultaneidade que implica a nova torre virtual”, advertiron, e subliñaron que iso afectaría á conectividade de Peinador e ao desenvolvemento económico da cidade e a súa comarca.
Para o sindicato, a posta en marcha da torre virtual (prevista para o 11 de xuño) “supón un retroceso no acceso a servizos esenciais para toda a ciudadania” e apuntaron que “custa comprender” que unha empresa como AENA, referencia internacional en xestión aeroportuaria, impulse un proxecto “que reduce as capacidades operativas” do aeroporto, sobre todo cando xa existe unha torre física “plenamente funcional”. Nese sentido, USCA subliñou que a incorporación da tecnoloxía debe ir acompañada de criterios de excelencia, pero que a decisión adoptada para Vigo, lonxe de mellorar a operativa, supón “un retroceso” e unha “limitación para usuarios e colaboradores”. “Non se pode vender como innovación un sistema que, na práctica, impón máis límites que o actual”, remarcaron.