InicioEconomíaStellantis Vigo é competitiva, segundo o número dous do grupo industrial

Stellantis Vigo é competitiva, segundo o número dous do grupo industrial

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este xoves a adxudicación da nova plataforma industrial multienergía para Stellantis, e remarcou que a planta ten o futuro "asegurado" grazas ao Goberno de España, ao Concello olívico e á Zona Franca

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os sindicatos do comité de empresa da factoría de Stellantis en Vigo trasladaron este xoves a súa satisfacción pola noticia da adxudicación da nova plataforma industrial multienerxía, STLA Small, e valoraron que esta decisión permite manter a “estabilidade” da planta. Os representantes do persoal mantiveron un encontro co xefe de Stellantis para a rexión Europa Ampliada e número dous do grupo, Jean-Philippe Imparato, que lles trasladou o seu recoñecemento pola competitividade da fábrica viguesa.

O sindicato maioritario, SIT-FSI, lembrou que a nova plataforma, destinada a montaxe de vehículos pequenos (do segmento B,) “dará os seus primeiros froitos a partir de mediados de 2027”. Ademais, permitirá manter unha planta “bifluxo” en Balaídos, xa que suporá traballo para a liña M1, que actualmente ensambla os Peugeot 2008, “con todo o que leva en parámetros de investimentos, creación de emprego, desenvolvemento e viabilidade a anos vista”.

A noticia foi trasladada persoalmente este xoves por Jean-Philippe Imparato aos representantes dos traballadores, nun encontro a media mañá, celebrado no marco dunha visita á factoría.

Nese encontro, segundo explicou o SIT e a preguntas sobre os plans futuros para as próximas xeracións de furgonetas, Imparato sinalou que Vigo segue sendo o principal referente neste nicho de fabricación, e que a planta está nunha “situación vantaxosa” para cando chegue o momento de renovar os modelos.

Para o SIT-FSI, a adxudicación da nova plataforma é un recoñecemento ao compromiso do persoal, ao diálogo e a paz social na fábrica viguesa, tal e como indicou o presidente do comité, Daniel Álvarez.

“BOA POSICIÓN” PARA FUTURAS FURGONETAS

Desde CC.OO., Daniel Abella tamén incidiu en que Jean-Philippe Imparato puxo en valor de forma destacada o compromiso da parte social, que pon á factoría de Stellantis Vigo “nun nivel alto” de competitividade. “Valoramos moi positivamente a adxudicación da nova plataforma, que permitirá deixar a planta encamiñada cara á produción bifluxo”, destacou.

Igualmente, tamén puxo en valor as palabras do xefe de Stellantis para Europa sobre a “boa posición” que Vigo ten de face á adxudicación de novos modelos de furgonetas; e tamén destacou que Imparato “quere seguir contando” cos provedores locais, aínda que advertiu de que “deben dar un paso adiante” e “demostrar que poden seguir a Stellantis e poden competir”.

Por outra banda, ademais do “compromiso” e “sacrificio” dos traballadores, o número dous do grupo tamén trasladou ao comité que outro dos factores que levaron a esta adxudicación foron os apoios económicos por partes das distintas administracións.

O representante de UGT, Aser Sanz, insistiu na idea de que a nova plataforma é un recoñecemento aos traballadores dunha planta que, ao longo dos anos, “soubo responder as demandas e esixencias” do grupo, que fan que a fábrica sexa “competitiva”.

“Era un segredo a voces que faltaba por confirmar, e había certa inquietude, por fin confirmouse”, explicou, e valorou que “dados os tempos que veñen, que se siga apostando en España por seguir fabricando vehículos é unha satisfacción”.

COMPROMISO PARA A INDUSTRIA AUXILIAR

Pola súa banda, o sindicato CUT foi máis crítico, e constatou que, á marxe da “satisfacción” que poida haber na planta pola adxudicación da nova plataforma, “o discurso é recorrente: hai que aumentar competitividade e reducir custos por vehículo fabricado”.

Segundo sinalou Vitor Mariño, esa mensaxe repítese sen cambios, xa sexan tempos de bonanza económica para o grupo ou de “menos bonanza”, porque “a ameaza de China sempre está aí”.

Con todo, o portavoz deste sindicato fixo fincapé na necesidade de non perder de vista a situación da industria auxiliar local, para a que a mensaxe de Imparato “é o mesmo: teñen que ser eficientes e competitivos se queren fabricar para Stellantis”.

Nese sentido, Mariño lamentou que, “despois de tantas axudas públicas”, non haxa “un compromiso real de carga de traballo” para a rede de colaboradores locais do grupo, e remarcou que as axudas das administracións deben esar condicionadas a ese compromiso de traballo para a industria auxiliar local.

ABEL CABALLERO: TODO GRAZAS AO GOBERNO DE ESPAÑA

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este xoves cono “unha gran noticia para Vigo e unha gran noticia para Stellantis” a adxudicación da nova plataforma industrial multienergía á factoría de Balaídos, e remarcou que a planta ten o futuro “asegurado” para os próximos 35 anos grazas ao Goberno de España, ao Concello olívico e á Zona Franca.

“O que anunciaramos que ía pasar, finalmente pasou”, proclamou, en declaracións remitidas aos medios, antes de pór en valor o traballo feito desde o Consistorio “dándolle un tratamento especial a Stellantis”, o de Zona Franca, “que fixo tanto esforzo para que Stellantis puidese presentar ben o seu proxecto“, e o do Goberno de España, coas sucesivas convocatorias de PERTE para o vehículo eléctrico e conectado.

“A miña felicitación aos traballadores porque o mérito fundamental é deles. Vigo hoxe sorrí porque temos a automoción garantida polo esforzo do Goberno, do Concello e de Zona Franca para os próximos 35 anos”, reiterou.

ÚLTIMAS

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

Condenan a 2 anos de cárcere a unha americana que estafou máis de 158.000 dólares a unha firma viguesa de produtos do mar

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolleu este...

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...