InicioEconomíaPechada a adquisición de Fandicosta pola pesqueira Wofco, que asume parte da...

Pechada a adquisición de Fandicosta pola pesqueira Wofco, que asume parte da débeda e o 90 % do emprego

A Xunta aceptou ceder a súa participación, a cambio do mantemento dos empregos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A operación de venda de Fandicosta pechouse este luns, tras meses pendente de varios trámites, tendo en conta que a pesqueira Wofco asinou xa a compra, semanas despois de que o xulgado Mercantil dese luz verde ao plan de reestruturación da empresa (en proceso concursal). Segundo confirmaron fontes sindicais e a Xunta de Galicia (que posuía ata agora o 12,1 % das accións de Fandicosta), este luns formalizouse esa operación, que supón que Wofco asume as instalacións de Domaio (Moaña) e o 90 % do persoal que traballa en produción, dun total de 214 traballadores.

Ademais, tras a quita aceptada polos acredores, Wofco asume o resto da débeda (ao redor dos 20 millóns de euros) e a Xunta aceptou ceder a súa participación, a cambio do mantemento dos empregos. Nun comunicado, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo en valor o traballo das partes para chegar a un acordo e o papel da Oficina Económica do Igape. Fandicosta xa asinara a principios deste ano un contrato de opción de compra a favor da pesqueira viguesa Wofco, e naquel momento a Xunta xa renunciou á recompra da súa participación na empresa, a cambio dese compromiso de mantemento de polo menos 90 % do emprego.

VALORACIÓNS DOS SINDICATOS

O sindicato CC.OO. valorou o acordo de venda e sinalou que, a partir de agora, insistirán en reunirse coa nova propiedade “para coñecer de primeira man os proxectos presentes e de futuro que o grupo Wofco ten para a nova compañía”. “Agradecemos o esforzo de todas as partes, administración, comprador, vendedor e, especialmente, das persoas traballadoras que conseguiron superar o pre-concurso e que se execute a venda con éxito, cumprindo en todo momento cos pedidos dos clientes, mantendo o nivel de compromiso e calidade”, sinalou a central.

Pola súa banda, UGT tamén puxo en valor “o traballo conxunto de todas as partes implicadas” como “fórmula de éxito” para sacar adiante unha situación “moi complicada”, como a que había en Fandicosta. “Fixemos o que se esperaba de nós para dar continuidade no emprego ás persoas traballadoras dunha importante empresa do sector mar-industria”, subliñaron, e defenderon que “este é o camiño a seguir” para defender a industria galega, “cunha administración galega implicada e cunha clase empresarial, neste caso Wofco, disposta a apostar por seguir investindo e xerando valor na comarca”.

Igualmente, CIG celebrou que a venda é o peche dun proceso que “acaba ben” porque non se perde emprego e mantense a actividade da empresa. Con todo, insiste o sindicato nacionalista, aínda que “parece un proxecto solvente”, é importante que os representantes dos traballadores poidan reunirse pronto cos novos propietarios para “coñecer os seus plans de futuro”.

ÚLTIMAS

Cardama, avisa: “se Uruguai rompe o contrato das patrulleiras será malo para todo o naval vigués”

O empresario vigués José García Costas, accionista do estaleiro Cardama, advertiu este venres de...

A Xunta nega acoso escolar tras as denuncia no colexio concertado Monterrey: “técnicamente non é”

A familia dunha nena de 5 anos denunciou a falta de actuación do colexio concertado...

Sancionan cinco alumnos do colexio Monterrey en Vigo tras a denuncia da familia dunha nena por suposto acoso

O colexio Monterrey de Vigo abriu cinco "procedementos correctores con sancións" no marco da...

Veciños de Navia acusan á Xunta de permitir “narcopisos” en vivendas da súa propiedade

Veciños do barrio vigués de Navia denunciaron este xoves a existencia de varios narcopisos...