InicioEconomíaO Concello admite que Vitrasa tardou 19 días en recuperar as liñas...

O Concello admite que Vitrasa tardou 19 días en recuperar as liñas e frecuencias de bus tras a folga

O BNG critica que Abel Caballero dá "barra libre" a Vitrasa e que non lle impón as correspondentes "sancións".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno municipal de Vigo admitiu que o servizo de bus urbano da cidade, que presta a concesionaria Vitrasa, tardou 19 días en recuperar a normalidade despois da folga indefinida que se estendeu desde o 25 de novembro do ano pasado ata o 11 de marzo deste ano. Así o expón o concelleiro de Servizos, Francisco Pardo, nun escrito de resposta a unha pregunta do grupo municipal do BNG efetuada no pleno do 25 de marzo pasado. Na devandita pregunta, os nacionalistas instaban ao goberno local a aclarar se se imporía algún tipo de sanción ou se tomaría algunha medida fronte á concesionaria por manter recortes nos servizos e frecuencias do bus urbano, unha vez desconvocada a folga.

A propia empresa concesionaria comunicou no seu momento que a volta á normalidade tería que ser progresiva, ao atoparse con case 70 condutores de baixa e varias decenas máis de vacacións ao finalizar o paro. De feito Vitrasa advertiu de que lle estaba custando contratar choferes no mercado laboral. O edil socialista respondeu ao BNG limitándose a constatar que “o servizo anterior ao comezo da folga, a día 1 de abril de 2024 figuraba restablecido”, sen detallar se haberá sancións ou algunha outra decisión.

“COMPLICIDADE” E “BARRA LIBRE”

Por iso, o BNG deu por feito que non haberá esas sancións, e acusou ao alcalde e ao seu goberno de actuar con “complicidade” fronte á concesionaria, á que dá “barra libre”. Para o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, a postura do goberno local evidencia a “total falta de control” sobre as concesións e servizos privatizados polo Concello, que en total supoñen máis de 200 millóns de euros ao ano do orzamento municipal.

Pérez Igrexas censurou que o concelleiro de Servizos non faga referencia, na súa resposta, ao feito de que, durante eses 19 días posteriores ao fin da folga, Vitrasa reduciu os horarios do servizo “ata en 15 liñas” sen autorización do Concello. O grupo municipal do BNG pediu pór fin á “complicidade” do goberno local con Vitrasa e coas empresas privadas que, en moitos casos, limítanse a “facer caixa” cobrando por “prestar menos servizo do contratado”, e reclamou a Abel Caballero que exerza as súas competencias de fiscalización e contral das concesionarias para garantir a prestación efectiva dos servizos.

Finalmente, criticou a decisión “ilegal” do goberno municipal de “negarse a constituír” a Comisión Informativa de Vixilancia da Contratación, a pesar de “ser obrigatoria, como marca o Regulamento Orgánico do Pleno”. “Caballero ten que explicar aos vigueses e viguesas por que, ademais de que o seu goberno non fiscaliza ás concesionarias, tamén impide que podamos facelo os grupos da oposición”, afeou Pérez Igrexas, que se cuestionou “que é o que quere seguir ocultando” o rexedor.

ÚLTIMAS

A cocaína localizada nun colector portuario este martes estaba oculta nun dobre fondo: 520 quilos en 432 paquetes

Os máis de 500 quilos de cocaína localizados nas últimas horas nun colector no...

Caballero reta a Rueda a conseguir “do seu amigo” Luís Montenegro, primeiro ministro luso, o compromiso co AVE en 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este martes en que o Goberno de España...

A Xunta defende o seu traballo na illa de San Simón logo das críticas do Concello de Pontevedra

A Xunta de Galicia reivindicou que "cumpre cos termos" da concesión demanial e do...

Un xulgado Social emite a primeira sentenza ditada en Vigo con uso do sistema de adaptación á lectura fácil

O Xulgado do Social número 2 de Vigo ditou unha sentenza pioneira na cidade ao utilizar...