InicioEconomíaAprobado inicialmente o orzamento de Vigo para 2024, que ascende a 316,6...

Aprobado inicialmente o orzamento de Vigo para 2024, que ascende a 316,6 millóns, o máis alto da súa historia

A oposición denuncia a ausencia de diálogo e participación nas contas, que son "máis do mesmo".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Pleno do Concello de Vigo deu luz verde este xoves á aprobación inicial do orzamento municipal para 2024, que ascende a 316,6 millóns de euros, co voto favorable do grupo de goberno e a negativa de PP e BNG. O encargado de defender as contas ante a Corporación foi o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, que subliñou que estes son os 17º orzamentos consecutivos cos que conta a cidade, reflexo da maior etapa de “estabilidade e progreso que tivo nunca na súa historia”.

O edil socialista tamén remarcou a importante achega do Goberno central ás contas, a “débeda cero” da administración local e os case 36 millóns destinados a “subvencionar” a colectivos, asociacións, familias e empresas. Por outra banda, Aneiros lembrou que se prevén 37,4 millóns de euros para investimentos en obras de humanización, no proxecto Vigo Vertical (ascensores, escaleiras e ramplas mecánicas), parques infantís, e outras actuacións. A iso súmanse as partidas destinadas a “benestar social comunitario”, que reúnen máis de 66 millóns; os 24 millóns destinados a accións no ámbito da educación; os 5 millóns para políticas de emprego; ou os case 18 millóns para deportes.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN E RESPOSTA DO GOBERNO

Mentres, o grupo municipal do PP criticou que o goberno vigués non aposte por uns orzamentos que alixeiren a presión fiscal aos cidadáns, e que se reafirmen na “falta de xestión” e empeoramento dos servizos públicos. O concelleiro ‘popular’ Miguel Martín criticou que as contas “non responden as necesidades das persoas” senón ás “necesidades políticas” do alcalde e o seu goberno, e defendeu a emenda á totalidade do PP. “Empecen de cero e presenten uns novos orzamentos”, proclamou.

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, cualificou as contas levadas a Pleno como “máis do mesmo”, uns orzamentos elaborados “sen diálogo nin participación”, e lembrou que o goberno de Abel Caballero caracterízase pola inexecución das súas propias contas. Así, lembrou que, nos últimos catro anos, o goberno vigués deixou sen executar 436 millóns de euros (dos que 152 millóns correspóndense ao último exercicio).

Tras censurar a “profunda desconexión” que Caballero e o seus teñen con respecto ás necesidades reais da cidade, Pérez Igrexas defendeu as 138 emendas do seu grupo (que foron rexeitadas), e lamentou que o goberno de Vigo queira converter a cidade en “un parque temático”. En resposta a estas críticas, que tachou de “chascarrillos”, o portavoz do grupo socialista e do goberno local, Carlos López Font, subliñou que o debate dos orzamentos municipais pon en evidencia a “falta de proxecto político” da “coalición PP-BNG”, que esixe en Vigo “o que non fan onde gobernan”.

López Font defendeu que os orzamentos son “participativos” e “produto do contacto coa sociedade durante todo o ano”, e lembrou que “quen aproban isto son os vigueses” que apoiaron ao PSOE nas eleccións municipais. “Vigo é un referente da política municipal en España (…), hai un antes e un despois de Abel Caballero”, proclamou, e vaticinou que, nas próximas municipais, nacionalistas e ‘populares’ levarán un trompazo” e pasará “o que lle ocorreu a Pedro Sánchez: que pase o seguinte”.

OUTROS ACORDOS

Por outra banda, no pleno celebrado este xoves tamén se deu luz verde definitiva (co si do PSOE e o rexeitamento de PP e BNG), ao quedar desestimadas as alegacións, ao novo sistema tarifario do servizo de abastecemento e saneamento de auga, que fai que o recibo en Vigo sexa “un dos máis baixos de España”, segundo o goberno local, e coas críticas da oposición, que mantén que os vigueses seguen sen pagar pola auga que consomen, asumindo un incremento do 276 % no tramo fixo dese recibo.

Ademais, o pleno tamén aprobou unha modificación de crédito por valor de algo máis de 330.000 euros para pagar aos comerciantes do Mercado do Progreso, en cumprimento dunha sentenza do TSXG, por unhas obras realizadas nas instalacións e que os tribunais entenden que deben ser sufragadas pola administración municipal.

ÚLTIMAS

O condutor do coche que se precipitou ao mar en Domaio, cuxa acompañante apareceu morta, acelerou “notablemente” antes de caer

O condutor do coche sinistrado no Paseo de Domaio, en Moaña, "acelerou notablemente" antes...

Investigan a aparición dunha muller falecida tras caer nun coche ao mar en Domaio

A Garda Civil investiga as circunstancias que rodean a aparición do corpo sen vida dunha muller,...

Nova concentración na praia do Vao para reclamar “acceso libre” á illa de Toralla

A praia do Vao en Vigo acolleu este sábado un novo acto reivindicativo, organizado...