O impacto económico da Universidade de Vigo en termos de produción e vendas (output) supera os 630 millóns de euros, mentres que o incremento sobre a renda alcanza os 373 millóns e xera case 9.400 empregos.
Así se desprende do estudo sobre o ‘Impacto económico da actividade da Universidade de Vigo’ elaborado pola institución e o Consello Social, con datos do curso académico 2020-2021.
O documento, presentado este venres na cidade olívica, recolle que o gasto dos axentes vinculados á actividade da UVigo durante 2021 foi de 263 millóns de euros, tendo en conta o propio gasto da Universidade, con máis de 103 millóns, así como o dos estudantes, o dos visitantes dos estudantes e aqueles asistentes a eventos e congresos vinculados co centro.
Así mesmo, o impacto dos estudantes en termos de produción e vendas sobe ata os 328 millóns, dos cales 137 millóns son gasto directo e máis de 190, indirecto. No caso da propia Universidade, dos 246 millóns que xera en output, 115 millóns son indirecto e inducido.
Pola súa banda, o incremento sobre a renda que xera a UVigo cífrase en máis de 373 millóns de euros, o que supón preto do 0,6% do Produto Interior Bruto (PIB) galego. Ademais, mantén ou crea uns 9.359 empregos, un 0,86% da ocupación total da Comunidade.
“En termos de emprego, os sectores máis destacados son o transporte, o almacenamento e comunicacións, a educación, a hostalaría, outros servizos persoais, a fabricación e conservación de alimentos, a agricultura e gandaría e as actividades sanitarias”, explica o estudo.
LONGO PRAZO
A longo prazo, o valor económico do capital humano achegado pola UVigo sería duns 1.851 millóns de euros en 2019-2020, dos cales 1.616 millóns permanecen en Galicia. Tendo en conta que os ingresos recibidos pola institución nesas datas foron de 127 millóns, suporía multiplicar por 13 o recibido.
Os profesores Isabel Diéguez e Andrés Mazaira foron os encargados de presentar o documento. Ambos puxeron en valor a importancia da Universidade para a sociedade e agora, grazas a este estudo, tamén se contabilizou, segundo dixeron, a súa importancia para a economía en xeral.
Así, Mazaira destacou o “factor multiplicador” da Universidade, non só desde o punto de vista social, cultural ou ambiental, senón tamén no apartado económico, xa que por cada euro de orzamento que recibe, xera 3,46 euros en output.
Os seus datos tamén sinalan que de cada millón de euros investido no centro xéranse 51 empregos en Galicia e por cada emprego directo, son 3,1 empregos indirectos os que aparecen.
Pola súa banda, Diéguez insistiu sobre o dato de que a Universidade introduciu no sistema económico máis de 630 millóns, xerando 2,06 euros de valor engadido bruto por cada euro investido.
No acto tamén participou o reitor, Manuel Reigosa, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, quen reivindicaron a importancia da Universidade e deste estudo e a súa achega non só ao coñecemento e ao talento, senón tamén á economía de Vigo, Pontevedra, Ourense e de Galicia en xeral.