Aena licitou por 263.000 euros as obras de adecuación da cabeceira 19 da pista do Aeroporto de Vigo, que consistirán no reforzo e asfaltado do firme. Esta reparación “puntual” levarase a cabo nun espazo de 240 metros de lonxitude por 20 de ancho e está prevista para finais de maio ou principios de xuño, en dúas noites non consecutivas. Eses días, a operativa regular de Peinador non se verá afectada e os traballos iniciaranse tras o despegue do último voo programado.
“Aena tomou a decisión de levar a cabo esta actuación de forma previa a unha obra de maior envergadura, como é a rexeneración completa do firme da pista”, explicou a empresa. Na actualidade, xa traballa na redacción do proxecto da mencionada rexeneración da pista. A súa licitación está prevista para o verán, co obxectivo de comezar a obra a mediados de 2024.
“A obra de repavimentación do firme da pista ten unha complexidade especial, posto que se trata dunha rexeneración profunda da pista. Ten implicacións operativas e é necesario coordinar con todos os axentes implicados na actividade aeroportuaria con antelación“, indicou Aena. O anuncio chega despois de que no último ano Peinador sufrise varios paróns da súa actividade debido á aparición de fochas na súa pista, o que impide o tránsito de avións.