A cidade de Tui acolle este venres, 2 de setembro, diversas actividades arredor da celebración das Xornadas Europeas da Cultura Xudía, que contribúen á posta en valor do amplo conxunto patrimonial existente na cidade de Tui ligado á presenza de comunidades xudías e cripto-xudías ao longo dos séculos.
En concreto, o venres realizarase unha visita nocturna aos elementos da historia de Tui ligados á presenza xudía na cidade, unha visita que comezará ás 22,30 horas diante da Oficina Municipal de Turismo, no Paseo da Corredoira. No percorrido, as persoas asistentes, que están convidadas a portar unha canea (ou vela), poderán achegarse a diversos puntos de interese nun percorrido polo conxunto histórico de Tui a cargo de guías especializados. A asistencia é libre.
Nesta xornada, ás 10,00 horas de Portugal, terá lugar no Paiol de Marte de Valença a inauguración da exposición ‘Diálogos’ que foi preparada en setembro de 2021 pola Biblioteca Nacional de Israel. Esta exposición reflexiona e explica diferentes tipos de diálogos desde a perspectiva da cultura xudía, a través de fotografías e cadros de textos. A mostra chega da man da Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad á que o concello de Tui pertence dende o ano 2019.
Finalmente, ás 12,30 horas terá lugar o descubrimento dunha placa e bronce co símbolo da Red de Juderias de España na fachada do Concello para simbolizar a pertenza do Concello de Tui a esta agrupación, que integra 21 concellos de toda España que traballan a prol da conservación e promoción do legado xudeu existentes nas súas localidades.
A temática elixida para celebrar en 2022 a Xornada Europea da Cultura Xudía en 35 países europeos foi ‘RENACER’, un concepto que permite seguir as pegadas e a memoria naqueles lugares onde houbo presenza xudía, e que a pesar da súa desaparición, conserva aínda na actualidade unha herdanza e un patrimonio sen o cal non se entendería o
presente. O Concello de Tui convida a visitar o espazo RENACER, na Praza da rúa Ordoñez, ao longo da fin de semana do 3 e 4 de setembro.