Música coral, maxia e teatro son as propostas para este martes, 19 de abril, na programación das Festas de San Telmo. Así, a coral Ponte das Febres abrirá o programa festivo cunha actuación ás 17 horas no Centro de Día Amoralia. Logo, a partir das 18 horas, na carpa do Paseo da Corredoira, actuará o mago Samuel Moreno co seu espectáculo de maxia “Why not 2.0”, onde mestura maxia, música, tecnoloxía e humor.
Ás 21 horas no Teatro Municipal comeza a XII Semana do Teatro Amador co grupo de teatro San Fins de Rebordáns, que estreará a obra “Milagro no convento de Santa María Juana”. As entradas para esta función están á venda en www.tui.gal ata mañá ás 18 horas ao prezo de 2€, aínda que tamén poden adquirirse presencialmente desde as oito da tarde.
O Concello informa que no recinto feiral, de 17 a 18.30 horas, as atraccións non terán nin música nin son para que poidan disfrutar tamén delas as crianzas con sensibilidade auditiva.
EXPOSICIÓN ‘ARTISTAS TUDENSES’
Doutra banda, ata o 17 de maio pódese visitar a mostra ‘Artistas Tudenses’ na Sala Municipal de Exposición, no edificio Francisco Sánchez. A exposición, organizada polo Concello de Tui con motivo das festas de san Telmo, recolle unha escolma da obra dunha trintena de artistas tudenses de diversas disciplinas artísticas, e dende o século XVIII ata a actualidade.
A máis antiga é unha pintura titulada ‘Pentecostés’, de Benito Antonio Silva y Ruibal, datada en 1783, mais expóñense tamén obras de Ricardo Padín e o seu fillo Eduardo, de Benito Prieto Coussent, dos irmáns Gonzalo e Jaime González Besada, ou da pintora e escritora Gloria Pereira García “María Tydeska”. Están presentes tamén nomes como Silverio Rivas ou Xosé Luís de Dios, que testemuñan un alto nivel de calidade nesta mostra representativa da arte tudense.
As esculturas de Moise Dikoff, Rai, Juan Vázquez, Romer ou Andrés Lamas, forman parte
da mostra xunto ás obras pictóricas de Clara Torres, Luis Coello, Escuder, Martín Rodríguez, Rosa Vila, Nuria Buján, Beatriz Iglesias Almeida, Juan Valcárcel… Complétase a exposición cunha escolma de fotógrafos, que se inicia coa figura de Santos Salvado, que nas últimas décadas do século XIX fotografou a misión beneditina de Nova Nursia, en Australia, fundada polo seu irmán Frei Rosendo Salvado. Xunto a el aparecen nomes como Pedro Varela, Rosendo Bugarín, Gonzalo Gutiérrez, Juan Vila ou Gus Abreu.