Logo dunhas letras galegas 2020 accidentadas e cargas de dificultades, todo apunta a que Xela Arias –premiada postumamente neste ano 21– contará, cando menos, cun chisco máis de normalidade no tocante á celebración presencial da súa obra e figura. Proba diso é a presentación disposta para este martes seis na Librería Cartabón na urbe viguesa.
O espazo acollerá os primeiros pasos da obra XelArias. Palaba á intemperie, da autoría da escritora e poeta Emma Pedreira e da ilustradora e investigadora musical Laura Romero. A obra analiza a noción de poeta no marco de Xela Arias e, en fin, como vai desenvolvendo a súa obra e arte na vida cotiá; primeiro no colexio, na casa, etc.
“A través dunha conversa a tres bandas, Emma Pedreira e Laura Romero preséntannos a Xela Arias, poeta, tradutora, docente, letrista e, sobre todo, muller transgresora. Poemas a dúas voces, colaxes e ilustracións para recuperar e coñecer a figura dunha das nosas voces máis interesantes e, se cadra, máis descoñecidas da literatura”, apuntan dende a editorial.
“UN POUCO PUNK”
O libro, catalogado como “un pouco punk” por parte de Emma Pedreira, será presentado ás 20:00 horas na libraría localizada no número 125 da Rúa Urzaiz. Un recoñecemento máis a unha poeta que, malia ser orixinal de Sarria, desenvolveu na urbe olívica a súa vida e obra que neste 2021 inunda as librarías e bibliotecas galegas cunha ollada transgresora e cabalo de dous séculos.