O Concello da Guarda acolle dende este venres día 6 de xullo a XXVIII edición da Festa da
Langosta e da Cociña Mariñeira, Festa de Interese Turístico de Galicia. Este evento
gastronómico ofertará un total de 24 pratos da cociña mariñeira ademais de sobremesas, acompañados dos caldos da Subzona do Rosal da D.O.Rías Baixas.
Esta recoñecida festa ofrece a langosta enteira a 25 €, e unha ampla representación dos
produtos do mar de Galicia, tales coma percebes, nécoras, calamares, chipiróns, navallas,
langostinos, mexilóns, vieiras, polbo… con prezos populares que van dende os 4 ata os 13€.
Unha boa oportunidade para degustar a ampla oferta de produtos do mar de Galicia.
Na sobremesa destaca a Rosca de Xema, postre típico da Guarda, xunto con outros
doces como a Tarta Santa Trega, atalaias doces, filloas…
Venres 6 de xullo
A XXVIII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira terá inicio este venres 6 de xuño co acto de lectura do pregón na Praza do Reló ás 21:00h, que nesta edición recae no recoñecido actor, humorista e cantante galego Nancho Novo. Intervirán tamén o Alcalde da Guarda e
representantes da Deputación de Pontevedra.
Ás 22:00h as autoridades, convidados, veciños e visitantes trasladaranse ata o Porto para a
apertura oficial da carpa e o inicio desta XXVIII edición. Esa mesma noite ás 22:30h Nancho Novo fará unha actuación na carpa do Porto, presentando o seu espectáculo “El
Cavernícola”, obra que trata sobre o modo no que se relacionan os homes e mulleres, unha versión da mítica obra de Broadway que leva máis de 1200 funcións con grande éxito no
Teatro de Madrid. E xa para rematar esta primeira xornada sobre as 23:30h terá lugar un
serán mariñeiro no que participarán varios grupos tradicionais da Guarda e a súa contorna.
Sábado 7 de xullo
Na xornada do sábado 7 de xullo, a xornada terá inicio ás 10:00h das mañá cun pasarrúas a cargo do grupo tradicional A Boalleira, que voltará a actuar ás 11:00h na apertura da Carpa para esta xornada no porto da Guarda.
Ás 12:00h celebrase a XXIII edición da Travesía a Nado do Porto da Guarda, un evento que congrega a máis dun cento de nadadores e que competirán en 12 categorías diferentes, a entrega de premios realizarase a partires das 13:00h.
Ás 13:00h o Grupo de pop-rock Acevendos Delgados fará unha actuación musical para
amenizar o inicio do xantar na carpa do porto, onde se prevee unha gran acollida de
comensais ao igual que en pasadas edicións.
Xa pola tarde os máis pequenos terán a oportunidade de gozar coas instalacións de inchables acuáticos, o seu horario será de 17:00h a 20:00h. Ás 19:30h terá lugar un espectáculo de maxia a cargo de Valeria Varitas.
Ás 21:00h na carpa do Porto o cómico e monologuista Oswaldo Digon realizará unha
actuación baseada nas experiencias do día a día, “historias que ten escoitado e que a cotío
suceden a maioría de nós”.
A actuación de MITIC está programada para as 23:00h da noite do sábado 7 de xullo no
Porto da Guarda, cun potente espectáculo musical onde a gaita é a protagonista
acompañada doutros instrumentos de vento, corda e percusión.
Máis de 15 músicos ofrecerán un concerto no exterior da carpa cunha proposta diferente onde reinventan aos clásicos do rock e do pop con versións de AC/DC, Cómplices…
Domingo 8 de xullo
A xornada do domingo 8 de xullo terá inicio ás 10:00h das mañá co pasarrúas a cargo do
grupo tradicional A Boalleira, que voltará a actuar tamén ás 11:00h na apertura da carpa para esta xornada no porto da Guarda.
Ás 12:00h o Grupo de pop-rock Acevendos Delgados fará unha actuación musical para
amenizar o inicio do xantar na carpa do porto, e tamén a esa mesma hora terá inicio o obradoiro infantil de Mini-chef, onde os máis pequenos poderán participar na creacións e pratos e traballar na cociña.
Ás 13:00h o cómico Roi Borrallas ofrecerá un espectáculo de cómico para a mocidade e
adultos, unha velada de maxia e diversión amenizando o xantar aos asistentes contando
coa súa complicidade, seguido dunha segunda actuación de Acevendos Delgados ás 13:45h.
Xa pola tarde entre as 17 e 20:00h os máis pequenos terán novamente a oportunidade de
gozar coas instalacións de inchables acuáticos, sen esquecer o bañador e a toalla.
Ás 19:00h Peter Punk e Brais das Hortas realizarán un concerto de “Punk infantil”.
Como peche da festa, a partires das 20:30h terá lugar a Noite de Fados, coa actuación
estelar de Celina da Piedade, recoñecida artista portuguesa que ofrecerá unha viaxe pola
música tradicional portuguesa co seu acordeón.
Durante toda a fin de semana A Guarda ofrecerá visitas guiadas á Rede de Museos,
formada polo Museo do Mar, o Castelo de Santa Cruz e o Monte de Santa Trega, haberá unha gran feira de artesanía e tamén disporase dunha pantalla xigante para o seguimento dos partidos do Mundial de Fútbol.