InicioCulturaFalece un tomiñés universal, Xosé Luís Franco Grande

Falece un tomiñés universal, Xosé Luís Franco Grande

PUBLICADO O

- Advertisement -
O académico, divulgador, xurista, poeta e escritor Xosé Luís Franco Grande acaba de falecer. Así o comunicou a Real Academia Galega que expresa o seu fondo pesar por este pasamento.

A infancia de Xosé Luís Franco Grande transcorreu en Tebra, no Baixo Miño, onde os seus pais eran mestres. Tras estudar o bacharelato en Vigo, cursou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, unha etapa que o marcaría para sempre. “Debo todo na miña vida aos compañeiros de xeración e aos galeguistas que na década dos cincuenta retomaron a loita pola dignidade nacional de Galicia”, salientaba na súa autobiografía de academia.gal.

Xosé Luís Franco Grande foi ademais durante moito tempo para o público galego o autor do Diccionario galego-castelán (1968) e do Vocabulario galego-castelán (1972), dúas obras de referencia naqueles anos para a resolución de dúbidas sobre o léxico da nosa lingua.

A procura da identidade humana, do eu íntimo, e o transcorrer do tempo son constantes dende os seus versos de mocidade, premiados en distintas ocasións nas Festas Minervais. Con só 19 anos, mereceu o Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires polo seu primeiro libro, Brétemas do vieiro, que permanece inédito; e en 1967 recibiu o Premio Nacional Rosalía de Castro polo poemario Entre o si e o non, unha obra de corte existencialista nuns tempos marcados nas letras galegas pola poesía socialrealista. En 1987 veu a lume Herdo de memoria e tempo, en cuxa introdución sinalaba que escribir poesía, en certas circunstancias pouco alentadoras, pode ser un acto heroico do que pende a salvación íntima. Como poeta volveu ás librarías en 2015 con Xoguetes do tempo e, dous anos despois, Libro das abandonadas (2017).

Como crítico e ensaísta, publicou Os anos escuros, I. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-60) (1985), testemuño dos seus anos de estudante universitario en Santiago de Compostela; A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Baixeras (1991), un tributo a trinta e oito amigos que ampliou en 2019 con A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos; Francisco Fernández del Riego. Galeguista de acción e cultura (2001); e Outra política para outros tempos (2013); e fíxose cargo da edición da Obra completa de Leiras Pulpeiro (1970), e da novela de Camilo Gonsar Cara a Times Square (1989).

O académico ingresou na RAG en 1998 cun discurso titulado O Antigo Réxime nunha familia do Baixo Miño, centrado na historia dos Blanco de Sea-Franco na transición á modernidade. Neste traballo, Xosé Luís Franco Grande reviviu, a través de documentos familiares, as vicisitudes dos seus antepasados e o espírito ilustrado dalgún dos seus membros. A encargada de darlle a benvida en nome da Real Academia Galega foi a académica Luz Pozo Garza, con quen colaborara dende os anos 70 na revista de poesía Nordés

ÚLTIMAS

Nova polémica no Pleno de Vigo tras aprobarse un novo programa de vivendas para familias vulnerables

A Xerencia de Urbanismo de Vigo aprobou este martes unha iniciativa para pór en...

Caballero atribúe a subida do recibo de lixo á “estafa” de Sogama: “Rueda débese crer que en Vigo somos parvos”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, censurou a "caradura política" do PP por pedir...

Zona Franca e UVigo asinan o novo convenio para a Cátedra Ardán, que incrementa o orzamento ata 960.000 euros

O delegado da Zona Franca, David Regades, e o reitor da Universidade de Vigo,...

Enfróntase a 3 anos de cárcere por posesión e distribución de pornografía infantil en WhatsApp

Un veciño de Vigo sentará este mércores no banco dos acusados do xulgado do...