O investigador da Universidade de Vigo Pablo Romero Fresco colabora na actualidade coa multinacional de distribución audiovisual Netflix para o desenvolvemento de contidos audiovisuais máis accesibles, que permitan aos espectadores das versións traducidas (subtituladas e dobradas) e aos das versións accesibles (mediante subtítulos para persoas xordas e con audiodescripción para cegos) ver a película tal e como poderían facelo os que a visualizan en versión orixinal.
Todo empezou polo que Romero chama a ‘cegueira por subtitulado’, onde por ler uns subtítulos, o espectador non chega a ver a imaxe, producíndose en planos nos que hai diálogo e narración sobre texto en pantalla, por exemplo un cartel. Tamén cando os subtítulos ocupan a parte da pantalla na que se concentra a acción principal, ou no caso dunha secuencia na que suceden diálogos a moita velocidade.
“Con esta cegueira por subtitulado os espectadores estranxeiros ou xordos que len os subtítulos están a ver practicamente unha película diferente e cando se lles pregunta, evidénciase que se perderon moitos planos, o que é un problema”, lamentou Romero.
Tradutor de formación e director de cinema, considera “imprescindible” que na montaxe das películas non só se pense na audiencia orixinal, “da mesma forma que non se exporía a construción dun edificio sen ter en conta desde o principio que hai que facer un baño adaptado”.
Desta maneira, Romero desenvolveu un novo modelo que ten en conta tanto a tradución, como a accesibilidade durante o proceso de produción da película e non só na fase de distribución, como se fai actualmente, polo que iniciou a súa colaboración con Neflix.
Así, Romero lembrou que inicialmente Netflix só ofrecía contidos en inglés, pero pasado o tempo incorporou aos seus produtos audiovisuais a tradución, a través da súa exalumna Denise Kreeger, pero non a accesibilidade.
CHEGADA A NETFLIX
“Foi entón cando lle fixen chegar a Kreeger a miña película Unindo puntos e ela proxectouna aos seus xefes de Netflix para convencelos de que tiñan que ser uns abandeirados da accesibilidade e desde entón comezaron a facer audiodescripcións para cegos e subtitulación para xordos”, indicou.
Posteriormente, Netflix contactou con el para solicitar que revisase as directrices de audiodescripción da empresa, que revisou e recomendou para que adoptasen un enfoque máis accesible. Agora acaba de chegar a Hollywood onde impartiu nas oficinas de Netflix unha formación para os seus tradutores e cineastas para integrar este enfoque.
“É a primeira vez que se reunían creadores e localizadores, polo que é unha oportunidade única para que adopten completamente o modelo que propomos e comece a facerse cinema tendo en conta desde o principio, non só aos espectadores da versión orixinal, senón a todos”, sentenciou.