InicioCulturaAsi é o movemento poético vigués: Interxeracional, emerxente e democrático

Asi é o movemento poético vigués: Interxeracional, emerxente e democrático

O movemento poético en Vigo ten representantes de todas as clases. Persoas de todas as idades e moi diferentes estilos. Artistas performativos, cantautores e poetas máis clásicos. Entre todos técese unha comunidade que ás veces debería estar máis unida pero que ten semente de vencer,

PUBLICADO O

Ano 2015. No marco do Festival Kerouac de Poesía e Performance Marcos de la Fuente, un dos seus organizadores, collía un megáfono e pola rúa recita “Jack Kerouac camina desnudo por las calles de Vigo”. Minutos antes na Rúa Príncipe decenas de persoas debuxaban a palabra poesía cos seus corpos. Ese ano anunciábase un ponte con Nova York do festival e anos despois chegarían as edicións da cidade estadounidense e o ano pásado en Cidade de México. Unha cidade de apenas 300.000 habitantes conectada poeticamente a través do Atlántico.

Unha das iniciativas que naceron do festival foi o “Muro dxs Poetas”, unha construción permanente onde, tras unha convocatoria libre para que quixera puidese mandar os seus versos, estes expúñanse alí como un cacho do corazón de calquera participante. A responsable da proposta é Sherni Khaur, unha artista e educadora con moitos anos de experiencia na fotocerámica: “Eu sempre tiven a idea de democracia cultural e quixen crear un espazo que expresara libremente ser poético de cada quen. Pareceunos unha idea que podía ser motivadora cun marcado compoñente estético”.

Ata agora organizaron dous convocatorias e Khaur cualifica o recibimento de “espectacular”, aínda que matiza que “soamente por parte dos artistas, da administración xa non esperamos nada”. Nestes momentos traballan nunha ampliación pero desvinculada do Kerouac: “Foi unha necesidade do propio festival, polo que era o mellor crecer independentemente”, explica. Iso si, considera ao evento como “un irmán” do muro.

Público durante un recital no Café Uf / Miguel Núñez.

Respecto á escena de Vigo, a artista pensa que se está a vivir un momento moi bo: “Hai moitas iniciativas e xente que exerce moitas expresións de poesía, dende o spoken word á poesía urbana. A clave para crecer é tecer unha rede na que nos podamos dar a coñecer e prescindamos das nosas diferencias, tanto na lingua como na forma”. Por outra banda, recoñece como parte da forma de proceder na cidade o espallamento: “Parte da idiosincrasia viguesa é facer moitas cousas en grupos moi pequenos, tanto que moitas veces o resto non os coñecemos, porque as redes sociais funcionan pero son limitadas”.

A OLLADA DENDE FORA

Outra artista que participou no Festival Kerouac, neste caso na edición de 2017 foi Irea Vecino. Ela foise a Madrid e volve agora tras un ano desconectada da cidade a facer unha xira de recitais xunto ao cantautor Fer Sánchez por Galicia. Comeza en Vigo, a cidade que a viu nacer artisticamente no grupo de poesía de mocidade Alter Ego. “Vexo moi importante a renovación xeracional da poesía e vía como moita esperanza que aceptasen a Alter Ego como grupo xeracional para incorporar caras novas a un panorama poético de Vigo que lle facía moita falta. Estoulles moi agradecida a todos os seus integrantes porque as táboas que teño agora sobre o escenario poseinas nese grupo”.

Para Vecino, saír a recitar a un escenario é un pracer: “Síntome como se o micrófono fose unha barita máxica que me dera poder para transmitirlle á xente o que sinto ou o que sentín cando escribín o que leo”. Tamén recoñece que facelo ten un certo compoñente aditivo: “Ás veces realmente é como unha droga”, admite entre risas.

Un dos participantes no I encontro entre poetas e cantautores na praza do abanico / Miguel Núñez.

Ela valora artisticamente irse a Madrid como algo positivo: “Foi todo moi diferente, alá hai recitais todos os días da semana en diferentes locais, mentres que aquí aínda son excepcións. Ademais, aquí se recita en xeral unha poesía para amigos ou xente próxima, non se busca o desenvolvemento”. Ademais, lembra ao entorno poético como algo moi pechado “tanto pola xente que levaba os recitais como polas propias características da cidade que fan difícil organizar cousas”.

VIGO HOXE

Os eventos que máis destacan no panorama poético actual é Poesía e Microrrelato Vigo, que leva celebrando dous anos no Galo do Vento e os micros abertos semanais do Café UF. Destaca que en ambas ocasións déixase un espazo moi grande para a canción de autor que se suman aos versos sen musical. Proba desta incorporación é o evento que se deu fai unhas semanas na Praza do Abanico do Casco Vello onde poetas e cantautores da cidade ofreceron un espectáculo ao aire libre.

María Villar, organizadora de Poesía e Microrrelato Vigo, saíu moi satisfeita do evento: “Foi todo xenial, a verdade é que non hai en Vigo moitos lugares coas características desa praza para poder facer un recital. Tamén estiven moi satisfeita coa audiencia, aínda que se foi indo pouco a pouco porque ao final rematamos as dúas en media da mañá”. Desta tardanza bota a cult¡oa aos cantautores porque “tenden a pasarse enorme do tempo, se lles das catro minutos, fan vinte!”, chancea Villar.

Poetas
Pablo Vila, un dos organizadores de recitais en Vigo na Praza do Abanico © Miguel Nuñez

Ela define ao movemento poético en Vigo como “heteroxéneo e plural” e considera que esa é a liña a seguir. Explica que nun escenario podes atoparte dende xente moi nova que sube a un escenario por primeira vez, ata persoas maiores con moita experiencia. Respecto á temática, “a xente nova é máis guerrilleira polo xeral e incorpora poesía social con temas moi actuais, mentres que a máis maior tende a facer unha poesía romántica con moito gusto”.

Poesía e Microrrelato non é un micro aberto puro porque hai poetas invitados, pero si que incorpora unha quenda despois da actuación dos poetas do cartel. “Isto é importante porque deste xeito entra xente que non o farían nunca doutro xeito. Ademais é unha plataforma para dicir o que queiras como o queiras, eu non concibo algo destas características sen micros abertos”, explica.

ESCENA ACTUAL VIGUESA

Dentro da escena actual viguesa actual destacan moitos nomes que día a día fan ricos os escenarios “e que cada día son más”, comenta Villar. Laura de Cáceres é unha rapaza moi nova que estuda Filoloxía na USC pero que principalmente recita en Vigo. Para ela na cidade hai bastantes iniciativas “pero non as suficientes excepto algún festival concreto”.

Encontros de cantautores e poetas no Café Uf © Miguel Nuñez

Botando unha ollada aos demais poetas, de Cáceres considera que hai bastante nivel: “Hai unha escena consolidada e se tratan temas que son sempre positivos como o machismo ou o colectivo LGTB”. Ela leva escribindo e recitando dende que era nena: “Eu creo que é unha necesidade compartir o que sentes para sentirte cómoda e comprendida”. Tamén fai unha chamada aos medios de comunicación para lle dean máis cobertura aos eventos poéticos na cidade.

No punto contrario en canto á idade atópase Lola Villar: “A min gústame moito Vigo porque hai un amplo abanico interxeracional e de todas as linguas, ademais esta nova movida de cantautores fai que sume todo”. Ademais, considera que na cidade “hai moita xente de diferentes cidades e orixes que teñen as portas abertas todo o que sexa cultural”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...