InicioCulturaFalece Seve, figura esencial da cultura popular e musical do Porriño e...

Falece Seve, figura esencial da cultura popular e musical do Porriño e comarca

PUBLICADO O

- Advertisement -

A comarca do Condado e da Louriña amenceu hoxe envolta nunha fonda tristura tras coñecerse o falecemento de Severino Novas, coñecido e querido por todos como Seve, unha das figuras máis recoñecibles da música tradicional e das rondallas da zona, ademais dun home profundamente ligado á vida social e cultural do Porriño.

Seve foi secretario da Asociación Cultural de San Xurxo de Mosende, director do Grupo de Gaitas, fundador e director da Rondalla de Santa María do Porriño e tamén un dos rostros máis familiares do mercado municipal, onde atendía o seu posto de peixe. A súa entrega á cultura popular e o seu compromiso coa comunidade convertérono nun referente humano e artístico.

Unha perda moi sentida na comunidade

O Concello do Porriño expresou o seu pesar asegurando que hoxe se despide “con enorme tristura dunha persoa fundamental para a nosa comunidade”, destacando a súa “fonda pegada humana e cultural, que permanecerá para sempre entre nós”.

Tamén desde a A.VV. Galiñeiro de Vincios, onde Seve era director da rondalla, lamentaron profundamente a súa marcha: “Hoxe deixounos o noso peixeiro-gaiteiro-director. Cantas horas e momentos xuntos nos regalaches. Estarás gravado nos nosos corazóns sempre”. A entidade quixo lembrar o lema que Seve lles inculcou e que agora fan seu: “Por nós, pola Rondalla, por Vincios… e hoxe, por ti”.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, sumouse ás condolencias destacando que Seve foi “un gran amigo, un referente humano e cultural, cuxa dedicación deixará unha pegada imborrable”.

Desde a Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo tamén expresaron o seu pesar pola perda “dun director querido e respectado, que seguirá velando polos rondalleir@s desde onde estea”.

O Festival de Cans perde unha das súas almas máis queridas

O Festival de Cans, no que Seve era xa parte da súa identidade emocional, lamentou profundamente a súa morte. O músico participaba desde as primeiras edicións, primeiro cociñando para convidados, despois servindo navallas no seu mítico posto do Cans Voulevar, e sempre acompañado da súa inseparable gaita.

“Alí onde estaba Seve, había alegría”, lembran desde a organización, que destaca o seu papel nos pasarrúas cos chimpíns e coas bandas de gaitas. “Hoxe apagouse a gaita de Seve e fica máis silenciosa unha parte do noso festival”.

Un legado que permanecerá vivo

A súa compañeira, a súa filla, a familia e amizades recibiron numerosas mostras de apoio nestas horas difíciles. A unanimidade das mensaxes deixa claro que Seve non foi só un músico, senón un símbolo de comunidade, alegría e compromiso coa tradición.

O seu legado humano e cultural permanecerá vivo en cada pasarrúas, en cada ensaio, en cada festa e en cada recuncho do Porriño e da comarca onde a súa gaita fixo sorrir a xeracións.

Boa viaxe, Seve. Sempre na memoria

ÚLTIMAS

Un home de 67 anos, ferido grave tras ser atropelado por un bus urbano

Un home, M.Z.A. de 67 anos de idade, resultou ferido grave na tarde deste...

O PP de Vigo critica que Samil continúe sen Bandeira Azul mentres Caballero asegura que a recuperará no extremo norte

O grupo municipal do PP de Vigo lamentou este venres que a emblemática praia...

A Universidade de Vigo crea unha cátedra con BorgWarner para reforzar a formación tecnolóxica e a captación de talento

A Universidade de Vigo e a empresa BorgWarner Emissions Systems Spain formalizaron este venres...

O afundimento dun pesqueiro portugués en Bouzas obriga a despregar barreiras anticontaminación

O afundimento dun pesqueiro portugués abandonado, que se atopaba atracado na dársena de Bouzas,...