Juan Magán, Álvaro de Luna, Taburete e Marlena son as novas incorporacións confirmadas ao cartel do Galicia Fest, que se celebrará os días 26 e 27 de xuño no Peirao de Transatlánticos de Vigo. Así o anunciou este xoves a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, quen lembrou que estes artistas se suman á actuación da La Reina del Flow, fenómeno musical latinoamericano coñecido polo seu éxito en Netflix e que tamén estará presente no festival.
Acompañada da delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, entidade que tamén patrocina o evento, Sánchez explicou que as catro novas actuacións terán lugar o sábado, unha das xornadas principais do festival. Ademais, destacou que as entradas xa están á venda desde 25 euros, co obxectivo de facilitar o acceso ao público. A vicepresidenta provincial reivindicou que “o Galicia Fest 2026 promete espectáculo e variedade, con música para todos os gustos e un cartel diferenciador”, pensado para ofrecer propostas que non coincidan con outros festivais do panorama estatal.
Sánchez avanzou tamén que o cartel completo aínda está en proceso de peche, polo que nas próximas semanas anunciaranse novas confirmacións. Iso si, asegurou que o festival contará con “acento galego” e representación local, reforzando a presenza de artistas da comunidade nun evento que aspira a consolidarse como unha das grandes citas musicais do verán en Galicia.
