InicioCulturaVigo, plató a ceo aberto os 365 días do ano: cando a...

Vigo, plató a ceo aberto os 365 días do ano: cando a cidade enteira se converte en ficción

Nos últimos anos, Vigo apareceu nalgunhas das campañas publicitarias máis vistas do país: Lotaría de Nadal, Mutua Madrileña, Repsol, Suchard... Todas rodadas integrando as luces, as rúas e a atmosfera real da cidade en relatos que se apoian directamente na súa estética. Tamén na ficción: películas como Apocalipsis Z, Rondallas ou a serie Agatha y Lola, actualmente en rodaxe coa produtora Portocabo, sitúan a súa acción explicitamente no Nadal de Vigo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Vigo xa non só se visita. Vigo róldase. Cada inverno, cando millóns de luces transforman as súas rúas nun espectáculo recoñecible en medio mundo, a cidade deixa de ser só un destino turístico para converterse en algo máis ambicioso: un gran plató a ceo aberto. Un decorado real, vivo, cheo de xente, emoción e ruído… que, paradoxalmente, resulta perfecto para a ficción. “Cando unha cidade consegue crear un atractivo tan potente como o Nadal de Vigo, non só chama a turistas: chama a cámaras”, resumiu Amaia Mauleón, responsable de Vigo Film Office, na presentación realizada este xoves en Fitur. Miles de visitantes, millóns de fotografías e un imaxinario colectivo que xa non pertence só a Galicia. “É un Nadal recoñecible, espectacular, cargado de valores positivos: emoción, familia, sorpresa. Non é só un decorado, é materia prima audiovisual de primeiro nivel”, sostivo. 

E así foi. Nos últimos anos, Vigo apareceu nalgunhas das campañas publicitarias máis vistas do país: Lotaría de Nadal, Mutua Madrileña, Repsol, Suchard… Todas rodadas integrando as luces, as rúas e a atmosfera real da cidade en relatos que se apoian directamente na súa estética. Tamén na ficción: películas como Apocalipsis Z, Rondallas ou a serie Agatha y Lola, actualmente en rodaxe coa produtora Portocabo, sitúan a súa acción explicitamente no Nadal de Vigo. O resultado é un intercambio perfecto: a cidade ofrece a súa mellor versión e o audiovisual amplifícaa. A estratexia non é casual. Vigo forma parte dunha tendencia cada vez máis clara: empregar as rodaxes como ferramenta de promoción territorial e descentralización turística. Non só atraer visitantes, senón xerar experiencias vinculadas á ficción. Rutas, percorridos, paisaxes que xa non se visitan só polo que son, senón polo que contan.

“É O SOÑO DE CALQUERA PRODUTOR”

Pero se Vigo se converteu nunha referencia para o sector non é só polas súas luces. É polo que non se ve en pantalla: a loxística. “O máis importante é a cantidade de localizacións nun radio moi pequeno”, explicou Santiago Romero, director de Verve Creative Group. “En minutos pasas do centro urbano á praia, ao monte, a un taller industrial ou a un porto. Iso, para unha produción, é ouro: reduces tempos, optimizas recursos”, detallou. A isto súmanse as comunicacións –tres aeroportos a menos de 100 quilómetros, AVE, autoestradas…–, unha rede hoteleira ampla e, sobre todo, unha administración que entende o ritmo do audiovisual. “Unha rodaxe non pode agardar 20 días por un permiso. En Vigo móvenche as cousas rápido, mesmo o que non estaba previsto. Policía, ocupacións, coordinación… É o soño de calquera produtor”, recoñeceu Romero. Por iso, o balance é contundente: en 2024 Vigo sumou 205 días de rodaxe; en 2025 xa superou os 320. Un crecemento que confirma unha tendencia estrutural, non unha moda puntual.

“EN VIGO TODO PODE PASAR”

Para Abel Caballero, alcalde da cidade, a explicación vai máis alá da técnica. Ten que ver coa identidade. “Vigo é unha cidade onde todo pode pasar: préstase para a realidade, para a imaxinación, para o mito e para a ficción”, proclamou. “Dis a palabra Vigo en calquera lugar deste país e a xente sorrí. Somos unha cidade de valores: proximidade, cooperación, amabilidade”, asegurou. No seu discurso, Vigo non é só escenario: é personaxe. Un lugar capaz de representar case calquera época sen saír do plano. Desde invasións viquingas ata Xulio César chegando ás Cíes. Desde persecucións policiais en pleno centro ata o inspector Leo Caldas resolvendo un crime coa ría de fondo. “Podemos mesturar realidade e ficción e todo encaixa”, dixo Caballero. “Mesmo que o alcalde apareza nunha película entregando unha medalla. Aquí iso é posible”, asegurou.

“NO MUNDO ACTUAL, O QUE NON TEN IMAXE NON EXISTE”

No fondo, todo se resume nunha idea: “no mundo actual, o que non ten imaxe non existe”, como resumiu Caballero. E Vigo aprendeu a existir a través do audiovisual. Non só queremos turismo, queremos afecto”, insistiu Caballero. “A maior mobilización cultural da historia é o audiovisual. Comportámonos como o que vemos en pantalla. E Vigo quere estar aí, nesa vangarda”, proclamou. Con técnicos locais, infraestruturas propias, mar, natureza, industria, historia e un relato xa instalado no imaxinario colectivo, a cidade ofrécese como algo máis ca unha localización: como un universo narrativo. Ou, como resumiu o propio alcalde, sen demasiada modestia: “Que trema Hollywood. Imos por eles”. Porque se unha cidade consegue que millóns de persoas a recoñezan só por acender a súa luz, quizais xa deu o paso máis difícil: converterse en ficción sen deixar de ser real.

ÚLTIMAS

Evacuada unha pasaxeira ferida do buque oceanográfico vigués Sarmiento de Gamboa

Unha persoa que navegaba no buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa resultou ferida mentres realizaba...

Vigo reclamará a Audasa máis de 138.000 euros polo IBI da AP-9

O Concello de Vigo reclamará á concesionaria da AP-9, Audasa, o pagamento de 138.345...

O TSXG revisa este luns a condena de 13 anos e medio polo crime de Coia

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia celebrará...

Sanidade licita por 284.000 euros reactivos clave para transplantes no Hospital Meixoeiro

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), publicou no...