InicioCulturaHomenaxe en Vigo a un dos grandes da cultura galega no Franquismo,...

Homenaxe en Vigo a un dos grandes da cultura galega no Franquismo, Xosé Luís Franco Grande

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Real Academia Galega, a Editorial Galaxia e a Fundación Penzol renderanlle homenaxe este xoves, 23 de outubro, a Xosé Luís Franco Grande (Tomiño, 1936 – Vigo 2020) en Vigo. As tres entidades coas que mantivo un estreito vínculo coorganizan o acto público que acollerá a Casa Galega da Cultura (19 horas). O programa, organizado coa colaboración do Concello de Vigo, inclúe a presentación de Un intre no tempo. Poesía reunida (1967-2017), volume que reúne os catro poemarios que o académico de número publicou en vida.

A celebración contará coas intervencións do presidente da RAG, Henrique Monteagudo; Manuel Puga, presidente do padroado da Fundación Penzol; Teresa Seara, editora da antoloxía; e Navia e Rosalía Franco, fillas do homenaxeado.

Xosé Luís Franco Grande foi autor, aínda na ditadura, de obras de referencia na divulgación do léxico galego para varias xeracións como o Diccionario galego-castelán (1968) e o Vocabulario galego-castelán (1972), ambas as dúas publicadas por Galaxia, editorial na que chegou a ser secretario do consello de administración. Pero malia se dedicar profesionalmente ao dereito, sacou tempo tamén para cultivar a literatura. 

“Ter aínda o valor de escribir, entre nós e en certas circunstancias, é un acto heroico. Pero que cómpre, se un quere estar vivo. Isto é así de claro. Eu só me acuso de non telo visto antes de agora con tanta claridade”, expresaba no limiar de Herdo de memoria e tempo (1987), unha primeira antoloxía que recolleu no seu momento as cento catorce composicións que escribiu desde finais dos anos 50 e ata 1986 e incluídos nos poemarios Entre o si e o non (1967), recoñecido co Premio Nacional de Poesía Rosalía de Castro, e O tempo á espreita. “Moito tempo e poucos poemas”, lamentaba, mais abondo para conformar un universo que fixo de Franco Grande un creador con voz lírica propia que seguiu a espir o seu eu máis íntimo en Xoguetes do tempo (2015) e Libro das abandonadas (2017).

Os comezos literarios do autor remóntanse aos seus anos de estudante universitario, cando foi recoñecido en distintas ocasións nas Festas Minervais e mesmo mereceu o Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires polos seus versos. Pero o seu primeiro libro sería a peza teatral Vieiro choído, que inaugurou en 1957 a colección Illa Nova da Editorial Galaxia.

Como crítico e ensaísta, publicou títulos como Os anos escuros, I. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-60) (1985), ampliado en 2004; A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Baixeras (1991), un tributo a trinta e oito amigos que medrou tamén en 2019 con A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos; Francisco Fernández del Riego. Galeguista de acción e cultura (2001); e Outra política para outros tempos (2013); e fíxose cargo da edición da Obra completa de Leiras Pulpeiro (1970) e da novela de Camilo Gonsar Cara a Times Square (1989). Cando o futuro comezaba. Correspondencia 1955-1990 (2009) recompila a súa correspondencia con Ramón Piñeiro.

O académico ingresou na RAG en 1998 cun discurso titulado O Antigo Réxime nunha familia do Baixo Miño, centrado na historia dos Blanco de Sea-Franco na transición á modernidade. Neste traballo, Xosé Luís Franco Grande reviviu, a través de documentos familiares, as vicisitudes dos seus antepasados e o espírito ilustrado dalgún dos seus membros. A encargada de darlle a benvida en nome da Real Academia Galega foi a académica Luz Pozo Garza, con quen colaborara dende os anos 70 na revista de poesía Nordés.

ÚLTIMAS

Xulgan en Vigo unha muller acusada de estafar 6.800 euros cun falso aviso dun “fillo en apuros”

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebrará o...

A RAG abre en Vigo a Semana das Letras Galegas coa proxección dun documental sobre Begoña Caamaño

A Real Academia Galega (RAG) abre este luns en Vigo, cidade natal da homenaxeada...

Caballero acusa á Xunta de querer devaluar ás Illas Cíes por non defender que sexan Patrimonio da Humanidade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou este venres á Xunta de pretender "devaluar"...