InicioCulturaPersoal e estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, en...

Persoal e estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, en pé de guerra contra a Xunta

Primeira das tres xornadas de folga na ESAD para esixir a restitución dos seis postos de traballo perdidos e denunciar o "comportamento hostil" do inspector da Xunta.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O persoal e o estudantado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg), con sede en Vigo, iniciaron este luns tres días de folga para esixir a restitución dos seis postos de traballo perdidos nos últimos dous anos e denunciar o “comportamento hostil e arbitrario” do inspector encargado do centro, ao que os traballadores consideran “responsable das decisións de recortes de persoal e empeñado en tratar a ESADG como un instituto de Secundaria, sen ter en conta as especificidades dos estudos que nela se imparten equivalentes ao grao universitario”.

A primeira das concentracións tivo lugar este mediodía ante a delegación da Xunta en Vigo, onde varias ducias de estudantes e membros do persoal do centro se concentraron para expresar ante o Goberno galego a súa indignación. “Conselleiro, atende, a ESAD non se vende” ou “A Escola Superior precisa de rigor” foron algúns dos lemas que berraron os manifestantes alí concentrados.

Para este curso académico, a dirección do centro reclamaba tres novas vacantes e a Consellería de Educación, tras o informe do funcionario da inspección educativa, non só non concedeu ningunha senón que eliminou outras tres adxudicando só 34 interinidades, cando en 2014 chegou a contar con 42.

Estes recortes prodúcense malia que o número de alumnado matriculado nos primeiros cursos se vén incrementando e en certas especialidades como dirección escénica ou dramaturxia, após os peores anos da crise económica, xa están estabilizadas as matriculacións.

Para o claustro do centro, os recortes que está aplicando a Xunta son froito do “particular asañamento” do inspector encargado desta área, Gustavo Lorenzo Prozzo, que “se manifesta na intromisión nas prazas solicitadas, cambiando nalgúns casos o seu perfil, no acoso aos cargos directivos e no menoscabo á autoridade do profesorado”.

Así mesmo, acúsano de “aplicar a normativa dun instituto de Secundaria nun centro no que se imparten estudos superiores”, equivalentes ao grao universitario coas particularidades que teñen estas ensinanzas.

Este martes e mércores as concentracións continuarán, ás 11.00h horas, na Xefatura Territorial de Pontevedra.

ÚLTIMAS

Un falecido e tres feridos nun choque frontal en Redondela: un dos ocupantes quedou atrapado no vehículo

Unha persoa faleceu e outras tres resultaron feridas nunha colisión entre dous vehículos este...

Centos de médicos reclaman en Vigo un estatuto propio: “Non queremos atendervos mal nin con pouco tempo”

Centenares de médicos saíron á rúa este xoves en Vigo para pedir un estatuto...

Ultimato de Caballero á Deputación para a firma do convenio para a piscina de Teis: “Xa non fago paripés”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, expuxo este xoves un ultimato á Deputación de...

Buscan un novo plan funcional e estratéxico para o IFEVI de Vigo

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, informou de que este venres...