InicioCulturaOito das dez curtametraxes que competirán na sección Furacáns do Festival de...

Oito das dez curtametraxes que competirán na sección Furacáns do Festival de Cans están dirixidas por mulleres

O certame cinematográfico presentou a lista de dez obras audiovisuais que intentarán obter o galardón o vindeiro mes de maio no Porriño.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Festival de Cans, cuxa XX edición terá lugar nesta aldea do Porriño do 16 ao 20 de maio, elexiu para a súa sección competitiva Furacáns un total de dez curtametraxes, das cales seis serán estreas e oito están dirixidas por mulleres cineastas. Esta sección está dedicada a obras de non ficción e a autores e autoras que “na maioría dos casos asumen riscos narrativos afastándose de fórmulas máis convencionais”, segundo explica a organización do certame cinematográfico.

Entre as estreas que terán lugar en Cans estarán My Truth, unha curtametraxe que reflexiona sobre a conexión entre imaxes e diferentes testemuñas relacionadas coa saúde mental, dirixida pola debutante Marta Bouzas. Tamén Ningún Deus, de Miriam Opazo, un achegamento autobiográfico ao entroido ourensán a través das máscaras, a identidade e a iconografía.

Tamén se poderá ver por primeira vez rematada a obra Notas sobre a violencia de Marta Valverde, unha montaxe sobre a normalización da violencia na vida cotiá a partir de textos de Remedios Zafra. Outra das estreas é Envés, o novo traballo da cineasta Ángeles Huerta, directora do filme O Corpo Aberto. As dúas obras restantes que terán a súa estrea en Galicia son Tegoyo, de Guillermo de Oliveira, e A lingua resiste no estómago dun agricultor morto, de Acacia Ojea.

En Furacáns tamén estará a curta Hondarrak, de Marta Gómez e Paula Iglesias. “Unha mirada con perspectiva feminista que afronta a crise dos coidados e cuestiona un modelo que permanece inamovible”, sinalan os organizadores do festival. Ademais, a memoria histórica tamén está presente nesta sección con Mariví, na pel da memoria das irmáns Coral e Laura Piñeiro, sobre a vida de resistencia da galega Mariví Villaverde.

As curtas que completan a sección son O amor é auga que corre, da cineasta Claudia Pineda, na que constrúe un ensaio poético sobre o amor ligado á vida e á morte e Malgrat, un relato autobiográfico construido a partir dun arquivo familiar, obra de Santi Teijelo.

ÚLTIMAS

Hospitalizado un mozo de 17 anos tras ser agredido con arma branca no Entroido de Hío

Un mozo de 17 anos, veciño de Vigo, tivo que ser hospitalizado na noite...

A Cátedra Ardán sitúa a Interfish España como un alicerce estratéxico para a economía

A Cátedra Ardán, impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Universidade...

Detido un home en Vigo por agredir e romperlle o beizo a unha muller en plena rúa

Un home, H.J.R. de 40 anos de idade, foi detido o pasado sábado en...

Temor no sector naval pola escaseza de persoal cualificado

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, valorou este martes o "bo momento" da...